Teño escoitado nos medios a Teresa Ribera do que entende e do que lle convén respecto dos prezos da electricidade. Avisa que non van acontecer milagres na posibilidade de intervención no mercado libre. Dito doutro xeito, seguiremos igual, nin empresa pública nin farrapo de gaitas. Cando rematen as concesións das hidroeléctricas miraremos o que farán. Digo eu, algo semellante ao que están facendo. Falar e máis nada.
Os que lle damos algunha volta ás cousas rimos a gargalladas cando escoitamos pedir, agora, unha auditoría porque os encoros levan pouca auga e desconfían das empresas eléctricas por unha posible afectación dos prezos. De súpeto alporízanse polo funcionamento deste mercado e da súa falla de transparencia.
As análises cos pés están moi de moda e as oportunidades nunha democracia están nas institucións, na representación que escollemos e nas rúas para defendernos da insolvencia institucional e representativa que permiten día tras día «atracos legais» e a cara descuberta das empresas eléctricas. É posible no sistema diario de poxas ter estratexias deseñadas por parte das empresas para obter máximos beneficios? A miña resposta é si. Se acaso deciden facer unha auditoría pola pouca auga dos encoros, mellor facer unha para mirar que ten de libre o mercado da electricidade.
Supoño que están a cociñar algún troco tanto na tarifa regulada ou na tarifa social entre as empresas eléctricas e o Goberno español, mais terá pouco calado. Convén seguir empurrando a nivel social porque saben que os xustificativos da escalada dos prezos son insostibles. Tendo en conta que o consumo anual de cada fogar no Estado está preto dos 300 kWh en cada vivenda mensualmente e a potencia media contratada situase entre 3,45 e 4,6 kW. Atrevereime a suxerir unha alternativa para a transición enerxética anunciada. Intervir durante un ano o prezo tarifa eléctrica, limpando ao menos este consumo (para todos) de po e palla de impostos, taxas, etcétera..., cun prezo regulado máximo dos 20 euros/mes. O menor consumo de xeito proporcional e o maior deixalo a mercé das prácticas oligopolísticas e de casino. Máis adiante temos tempo de falar do futuro e da nova xestión enerxética, dunha empresa pública e da tarifa galega, da distribución dos fondos europeos e como queda a desfeita industrial das eléctricas nos diferentes emprazamentos actuais.
A experiencia é demoledora no sector eléctrico español de como se está artellando dita transición enerxética. Destrución de emprego, perda de dereitos e máis negocio. Abonda con algún exemplo clarificador, coma o quinto convenio da empresa onde traballei. Pois ben, a sección sindical da UXT fixo a entrega dun dereito valorado en 515 millóns de euros para que os accionistas desta empresa o repartiran no dividendo. En nome da representatividade e sen consultar os traballadores.
Calar e achantar non pode seguir a ser unha posibilidade democrática.