¿Son suficientes os mestres nos colexios?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

31 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os colexios de educación infantil e primaria contan cun catálogo oficial de mestres en función do número de unidades, que se revisa anualmente para adaptalo á evolución da matrícula. A triste realidade é que cada ano que pasa redúcese o número de aulas e mesmo de centros, debido á nosa grave situación demográfica. Con respecto ao curso pasado diminúen nada menos que 4.000 alumnos nestas dúas etapas educativas e, non obstante, igual que cada mes de setembro, repítense as críticas pola falta de profesores suficientes nos colexios. Quen ten a razón, pais, docentes ou Administración? O Goberno mantén que unha redución tan grande de alumnado ten que supoñer diminución do número de unidades e, xa que logo, de docentes. As comunidades educativas teñen razón ao esgrimir poderosos argumentos como son que se debe aproveitar esta situación para reducir o número de alumnos por aula e sobre todo para atender mellor á diversidade.

A demanda de mestres a maiores dos que ten asignado cada centro xustifícase pola necesidade de apoiar a alumnos con retrasos, incapaces de seguir a marcha normal das clases. A dotación destes recursos humanos extraordinarios pódese conseguir a través de programas como PROA ou ARCO, enmarcados nun novo plan de recuperación dos aspectos curriculares que non se tiveron impartido como consecuencia da pandemia. Pero a verdadeira reclamación de persoal docente está centrada en especialistas na atención a alumnado con necesidades educativas especiais (NEE), en concreto en Pedagoxía Terapéutica (PT), Audición e Linguaxe (AL) ou Orientación. É constante o incremento e diagnose de nenos con trastornos xeneralizados de desenvolvemento, discapacidades motoras, deficiencias sensoriais, trastornos da audición e linguaxe ou incluso altas capacidades.

A dotación destes profesionais débese facer en función das necesidades reais e non dun catálogo que nalgúns casos non é preciso. Para iso tería que realizarse un estudo rigoroso dos alumnos con NEE en cada centro, actualizado curso a curso. Existe unha verdadeira tolemia por parte das direccións dos colexios para conseguir cada vez máis especialistas de PT e AL, véndose desbordada a Administración diante das presións das comunidades educativas e a dificultade para establecer criterios técnicos claros.

Hai que evitar a picaresca do que máis chifra, capador. Deberíanse crear órganos centralizados, a nivel provincial, integrados por profesionais da orientación e da inspección que, previo estudo dos informes e da realidade dos centros, levasen a cabo unha proposta de asignación destes especialistas, o máis precisa posible, que evite o constante tira e afrouxa de cada inicio de curso e, xa que logo, as discriminacións que trae como consecuencia.