Por interese propio

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

ÁNGEL MANSO

13 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña intención era non falar máis deste tema , sobre todo pola sensación de impotencia, de inutilidade de falar cando non se ten outra forza que as palabras, pero como é algo que veu para quedar, e porque no fondo creo que todos podemos achegar algo, e que a palabra pode ser «un arma cargada de futuro», volvo falar do covid. Ultimamente polemízase sobre se é mellor proporcionar unha terceira dose aos xa vacinados ou dedicar os esforzos a enviar vacinas a aqueles países onde a vacinación é mínima; enténdese que se refiren a países, digamos, pobres, para entendernos. 

Non se trata de solidariedade senón de ver que é o que máis convén ao mundo occidental, ou sexa , aos ricos, onde o contaxio está a controlarse. Entre os pobres, o virus campa ás súas anchas e muda a toda velocidade, e vai chegar un momento en que esas mutacións farano resistente ás vacinas xa coñecidas. Perigo remoto, pensan algúns: o virus deses afastados países non vai chegar ata min. Pero si que chega, paso a paso: primeiro contaxia aos países máis próximos e dun noutro, a través de océanos, mares e montañas chega, por exemplo, a Mondoñedo ou a este recuncho do Mediterráneo desde onde estou a escribir.

E entón, volta a empezar: haberá que crear unha nova vacina, que se distribuirá aos países ricos, mentres nos pobres o covid seguirá mudando e mudando, ata facerse resistente á nova, e acabará chegando a … E así ata o fin dos tempos. Así que, por interese propio, xa que non se fai por solidariedade, coido que hai que enviar vacinas a todo o mundo.