A prioridade: de setembro a xuño

Bernardo Penabade PROFESOR DE ENSINO SECUNDARIO E IMPULSOR DO MODELO BURELA DE DIÁLOGO INTERCULTURAL

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

Anunciou o Ministerio de Educación un proxecto que contempla a supresión das probas extraordinarias de recuperación de setembro no sistema de ensino obrigatorio e, como é lóxico, todos os sectores educativos se puxeron á expectativa. Mais, por se esa novidade non fose suficientemente chamativa, a Consellaría de Educación inmediatamente manifestou o rexeitamento da proposta e a expectativa aínda é maior. Hai, pois, debate. Benvido sexa. Iso si: é necesario que ese contraste sexa de ideas e que se centre nos modelos educativos e non se reduza a un simple aliñamento acrítico coas políticas de Román Rodríguez ou Pilar Alegría. Neste caso, a cuestión central non é: Santiago versus Madrid.

Os criterios de avaliación, promoción e titulación son moi importantes -é claro que sí; tamén nas relacións comerciais é moi importante o proceso de facturación-, mais antes de expedir a factura dunha obra, faise necesaria unha planificación da obra mesma e un seguimento de como se vai desenvolvendo a construción. No caso da educación non é diferente: a avaliación só marca o final dun período académico; é a constatación de como se fixo o traballo previo.

Nos niveis de ensino primario e secundario, as probas extraordinarias de setembro están tendo un resultados educativos moi pobres. Sábeno tan ben as familias como o sabemos os cadros docentes e as administracións. Son pouco habituais os casos de estudantes que manteñen o nivel alcanzado en xuño e aínda moito máis excepcionais os que os chegan a superar. E iso que a avaliación se reduce a probas procedementais de contidos mínimos.

Teño claro que non gañamos nada reducindo oportunidades -así, repentinamente, eu non eliminaría os exames da convocatoria de setembro-, mais tamén teño claro que a prioridade do debate está na calidade do ensino durante o período comprendido entre o 1 setembro e o 30 de xuño. As primeiras oportunidades reais asentan na oferta educativa que se presenta nas follas de matrícula como resultado das actuacións das comisións pedagóxicas, das directivas dos centros e das inspeccións educativas. As primeiras oportunidades comezan coa atención á diversidade -a toda a diversidade-, coas avaliacións iniciais e unha acción tutorial que contemple o nivel académico e as circunstancias vitais. As primeiras oportunidades continúan coa flexibilidade á hora da avaliación, tendo en conta a situación de partida e as metas alcanzadas.

Hai moitísima xente que di que debe primar a lei do esforzo. Teñen toda a razón: claro que debe primar. Mais, ollo, do esforzo de todos os sectores implicados na educación: do alumnado, sí; e tamén das familias, dos cadros docentes e das directivas dos centros, das inspeccións e dos diferentes departamentos da Consellaría de Educación. Se é así, se prima a lei do esforzo colectivo, a terceira oportunidade -a extraordinaria de setembro- será aínda máis irrelevante.