
En Ordes non había piscina, mais iso non impediu que Iván Raña trouxese o tríatlon a Galicia. Non habería nada que o puidese frear. Por iso foi un pioneiro. Sen medios, sen axuda, sen exemplos próximos aos que seguir, sen compañeiros cos que medirse, adestrar ou debater... pero con moitas ganas e ilusión.
Iván Raña foi a porta de entrada do tríatlon en Galicia. Non estaría de máis lembralo, e recoñecerllo, agora que vai deixar a competición profesional, á que leva dedicado exactamente media vida. O seu carisma, alegre e humilde, non lle resta mérito, pero ás veces pode facer que os seus logros se eslúan.
Non só é un apaixonado do tríatlon, é que o fixo moi ben. No ano 1999 foi bronce no Mundial júnior de Montreal e prata na Copa do Mundo de Cancún. A partir de aí, os títulos fóronse sucedendo como nunha pingueira.
Tamén sufriu. O deporte de elite é escravo e, ás veces, os adestramentos resultan excesivos. Os resultados, logo de meses e anos traballando, poden non reflectir a dedicación. Por iso deberiamos salientar sempre a súa elegancia e o seu xeito de amar o deporte, loitando co mesmo tesón polo primeiro posto como polo vixésimo terceiro. Iván é así, deportista de corazón.
Pero non vaian pensar... seguiu «coleccionando» títulos, aínda que non todos fosen medallas. Logo dedicouse ao ciclismo, coa mesma paixón e elegancia.
Grazas, Iván, por loitar así, escoitando e sorrindo. Pero sobre todo, por perseguir os teus soños e contaxiarnos, pois fomos moitos os que soñamos contigo.