Pandora

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

POOL

16 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que pensen vostedes que foi Eva, pero a primeira muller foi Pandora. Iso é o que conta Hesíodo nas Teogonías. A parte común entre Hesíodo e a anónima persoa que escribiu a Biblia e que ambos a consideran un castigo para a humanidade. Ou sexa, a Yoko Ono da Creación. En fin, que Pandora, por motivos mitolóxicos que non veñen a conto, acabou casando con Epitemeo, o irmán de Prometeo, ese que, ademais de roubar o lume dos deuses, metera os males nunha xerra cun cartel que dicía «Non abrir». Pero Pandora, coma Eva, non era de prohibicións, así que acabou ciscando polo mundo os males, agás a esperanza, que quedou no fondo. Xa sei que estarán pensando por que Hesíodo considera a esperanza un mal, pero o que conta agora é que Pandora non pasou á historia escrita por señoros coma a que gardou a esperanza para os homes, senón coma unha parva desobediente e pecadenta. Eu, que lle queren, comprendo o espírito científico de Pandora igual que a vocación gourmet de Eva, ideas que están detrás do nome Papeis de Pandora para todos eses documentos publicados por xornalistas curiosos e destemidos coma ela.

De todos eses casos de corrupción, evasión fiscal, abuso de poder e flagrante maldade ciscados polos xornais do mundo, o máis bonito é o da amante de Putin. Non me digan que non é fermoso imaxinar a ese bloque de formigón presunto envelenador de disidentes, asasino de xornalistas e encarcerador de roqueiras coma un home namorado que, incapaz de deixarse levar polo amor, merca o silencio da amante cun piso de 2 millóns de euros! Perdón polo excurso cultureta, pero precisaba compartir con vostedes que non fago máis que pensar nesa Pandora rusa instalada nun apartamento en Mónaco, ríndose dos espías envelenados por Putin.