A pola quinta dose da vacina

Xosé María Torres FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

Agos Iglesias

22 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nisto das vacinas contra o covid hai que agradecer o esmero con que nos coidan os nosos gobernantes. Que non é necesaria unha terceira dose para a poboación xeral nin para os maiores de 70 anos? Non pasa nada, administrámola, que a fin de contas paga a Unión Europea! Tres, catro ou cinco doses! Barra libre!

Acredito, si, certa confusión nesta materia, porque a EMA, a Axencia Europea do Medicamento, admitiu que unha terceira dose das vacinas de ARNm tal vez fose oportuna para algunhas persoas (pacientes con cancro, inmunodeprimidos etcétera), pero neste mundo rico no que vivimos en Galicia e España non imos andar con distingos... aplicaremos a vacina a todos os maiores de 70 anos e santas pascuas!

Non importa que persoas como África González, catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo, unha das voces máis autorizadas, apelen á prudencia neste furor inmunizador. Así o relataba neste mesmo xornal con motivo da saída do seu libro Inmuno power. Conoce y fortalece tus defensas: non é partidaria dunha terceira dose salvo para colectivos moi concretos, como inmunodeprimidos, pero non como dose de reforzo, senón para completar a súa resposta vacinal, feble nestas persoas. Por tanto, é improcedente con carácter xeral para maiores de 70 anos, como se vai facer en Galicia. Non é admisible esta dose superflua cando en tantos países pobres as vacinas escasean.

Os motivos dos nosos gobernantes son claros: por un lado a incapacidade para asumir custes políticos pola posible morte dalgunha persoa vacinada sen éxito (irrelevante en termos estatísticos); falamos dun caso similar ao estigma con que se sinalou á vacina de Oxford/AstraZeneca, a máis barata do mercado!, pero case condenada ao ostracismo en España... por varios casos de trombos (non significativos no cociente beneficio/risco de calquera medicamento), unha decisión á que non debe ser allea a orixe británica da vacina.

Un segundo motivo é a ignorancia galopante (para que serven os comités asesores de expertos? Ben, tralo despropósito do Comité Español de Bioética sobre a segunda dose da vacina de AstraZeneca, mellor deixalo) de que a inmunidade non reside só nos anticorpos do plasma sanguíneo, que diminúen co tempo, senón tamén nos linfocitos T, que os producen cando se enfrontan de novo ao virus. Por favor, que alguén lles regale aos nosos gobernantes o libro Inmuno power!

Varios líderes africanos, como o presidente de Sudáfrica, Cyril Ramaphosa, na reunión anual de setembro de Nacións Unidas empezaron a falar xa dun «apartheid das vacinas». Teñen razón.