Perigo, alta tensión
OPINIÓN
Vivimos rodeados de sinais. Na súa maioría forman parte dun conxunto de signos e símbolos cun significado compartido que regulan, como na seguridade viaria, o noso comportamento. Hai letreiros, imaxes e sons que advirten de riscos, que prohiben condutas potencialmente perigosas, que obrigan a accións específicas, ou mesmo que só proporcionan algún tipo de información. Pero tamén hai outras, de orixe interna, que xorden das tensións que experimentamos no día a día e que non sempre son doadas de interpretar. Aínda que varían de persoa a persoa, algúns dos sinais máis comúns inclúen a dificultade para conciliar o sono, as cefaleas e os problemas dixestivos. Indicios dunha resposta de estrés que emite o noso organismo como alarma cando nos preocupamos ante unha situación determinada porque non nos sentimos capaces de facerlle fronte, ben sexa porque as demandas nos superan ou ben porque sentimos que non temos recursos suficientes para afrontala.
Na actualidade, estes sinais estanse a activar con maior frecuencia e intensidade na contorna laboral como resultado directo das novas formas de organización do traballo e dos cambios nas relacións sociolaborais. Unha situación que se prolonga no tempo pode ter unha pegada física considerable en forma de hipertensión, xaquecas ou patoloxías coronarias. E que na súa dimensión máis extrema pode desembocar no síndrome de desgaste profesional ou burnout, recoñecido pola OMS como enfermidade profesional, que cando non se trata pode derivar en trastornos psicolóxicos severos como a ansiedade e a depresión.
Pero o traballo, ademais de potencial causa do estrés, é un espazo privilexiado para previr, detectar e manexar de maneira efectiva estes problemas de saúde mental. Precisamente, para protexer ás persoas traballadoras, a intervención integral nos lugares de traballo debe ir encamiñada á eliminación da exposición a demandas laborais insalubres como a sobrecarga, a interferencia entre o traballo e o fogar ou as esixencias emocionais. Tamén á promoción da saúde ocupacional, desenvolvendo os aspectos positivos do traballo así como as fortalezas e recursos das persoas traballadoras mediante, por exemplo, máis oportunidades de aprendizaxe, maior autonomía ou maior frecuencia na retroalimentación do desempeño. E todo iso sen esquecer o papel capital das nosas empresas e organizacións na destrución dos falsos mitos sobre os problemas de saúde mental no traballo, con independencia de se a súa orixe é laboral ou extralaboral.