Saír do armario

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

BRENDON THORNE | Efe

07 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxinen que un deportista recoñecido a nivel mundial sae do armario: «Teño algo que contarvos: son futbolista e son gai». Ou alguén de caste e militante de ultradereita, non sei, un toureiro afamado confesa: «Teño algo que contarvos: son toureiro e son gai». Dirán vostedes que non hai por que publicar a condición sexual de cadaquén, sexa quen sexa, certo, mais cando alguén moi coñecido sae do armario, en realidade, non está facendo público nada, senón deixando de ocultar o que vostedes ostentan como forma de felicidade: quen son, como se senten, a quen aman.

Se eles deixasen de agochar esa metade do que son, aproximadamente cincuenta mil persoas amoreadas nun estadio corearán o insulto. Xa saben: «Maricón, maricón, maricón!» —a que coñecen o soniquete que non sae na columna?—. Así somos: gardas da moral e axustizadores de quen amosa a súa liberdade, porque a liberdade dos demais nos confronta coa propia incapacidade para reconducir as nosas vidas infelices.

Pois iso dixo un centrocampista do equipo Adelaide United: «Teño algo que contarvos: son futbolista e son gai», e converteuse nun valente feliz.

Nos estadios de fútbol non é posíbel ser home, moi home, se un namora doutros homes, porque agora os deportistas representan a viril imaxe que antes estaba reservada aos heroes da ficción. Imaxe, ou sexa, os centos de millóns de euros que move mundialmente o que é considerado o deporte rei.

Por iso, este deporte do fútbol non se quere permitir a si mesmo que os cincuenta mil energúmenos que lle berrarían «Maricón, maricón, maricón!» a un mozo namorado deixasen de mercar as camisetas que, por arte de birlibilloque, ciscarían amor libre en lugar de disfrazaren de homes a verdadeiros nazis.