Será o galego un arcaísmo?

Pilar García Negro
Pilar García Negro PROFESORA DA UDC E ESCRITORA

OPINIÓN

M.MORALEJO

No pasado día 6, Carlos Luis Rodríguez adiantaba na súa crónica unha tese realmente anovadora, en virtude da cal Galiza sería un arcaísmo, un elemento medieval, face ao moderno Galicia. A cousa é realmente simpática. Resulta que no galego temos, por exemplo, solucións desde a matriz latina tipo leite, oito, feito... e tantas máis derivadas da evolución do grupo —ct— (lactem, octo, factum). Se acudirmos á caída do —n— intervocálico, damos con lúa ou ter (latín luna, tenere).

Podemos ir pasear polo vocalismo e aí atopamos como o noso idioma non ditonga vogais tónicas latinas senón que as mantén en exemplos como terra, roda, porta (terra, rota, porta) e tantos máis. Ou tamén podemos lembrar como o ditongo latino «au» devén «ou» en palabras como pouco ou touro (paucum, taurum). Ou, se cadra, chamarannos a atención palabras tipo chamar ou cheirar derivadas das latinas clamare e flagrare, respectivamente.

Naturalmente, estou a me referir a voces patrimoniais, non a cultismos. Estas vulgaridades que lembro —e que podería acompañar de moitos máis exemplos— non fan máis que demostrar a especificidade dunha evolución que deu lugar historicamente, hai máis de mil anos, á nosa lingua, á lingua galega. E é nesta evolución onde a Gallaecia latina pasou a Galiza, o nome orixinal do país. Que este nome fose substituído na fala común por Galicia é mesmamente índice e sinal dunha desnacionalización padecida polo noso país desde a Idade Moderna, en paralelo a chamarnos «gallegos» e non «galegos», isto é, a chamarnos como nos chamaban e non co noso xentilicio orixinal.

O cronista de certo non ignora o paradoxo de, sendo a palabra galega xenuína Deus, idéntica ao latín orixinal, ela fose substituída polo castelanismo Dios, o cal fala do papel erradicador do galego da Igrexa católica como institución. Si, Galiza é o nome galego auténtico, non é un resto medieval como «drudo» ou «maeta», e non por casualidade o nome se mantivo no galego meridional —léase portugués—, isto é, o que tivo a oportunidade histórica de se elevar como idioma oficial pleno.

De modo e maneira que se abre con aquela tese unha inquietante cuestión. Acaso todas as palabras galegas que mencionei, nadas ao mesmo tempo que Galiza, serán tamén arcaicas? O «moderno» será usar «llamar», «puerta», «rueda», «poco» ou «luna»? Daquela, o galego sería, todo el, un arcaísmo inválido no mundo moderno.

É acaso «arcaico» Sempre en Galiza (1944) de Castelao? Vai ser que non: a modernidade galega nace mesmamente coa reapropiación das nosas palabras xenuínas.

Niso estamos.