Liberalismo de comenencia

OPINIÓN

16 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo da convención do PP en Valencia, un non deixa de se preguntar se Pablo Casado ten mala sorte ou fixo á mantenta unha escolla que podería lembrar a mesma que o personaxe de James Cagney fixo na película The Roaring Twenties, cando, para argallar unha asociación de contrabando ilegal de licor nos anos 20, contratou só a persoas que estaban no cárcere, desbotando aquelas que, por moi malas que fosen, non tiñan un currículo de delincuente. Pode ser esaxerado, pero se xa abondaba coa chegada do furacán Ayuso, a cínica negación do plurilingüismo de Aznar, as reclamacións feministas dende dentro ou a condena por financiamento ilegal que lle caeu ao gran Sarkozy, agora sumouse Mario Vargas Llosa, que non hai moito explicaba como hai que votar ben, para poñer o ramo a un encontro que, estou certo, non veu reforzar a figura do líder popular.

Coido que Pablo Casado disporá de tempo para arranxar as cousas dentro do partido, pois aínda falta moito para as vindeiras eleccións xerais, pero debería afastarse axiña dalgún deses apoios coma o do Nobel peruano, que, por moi ben que escriba, vai ter difícil explicar os motivos polos que figura de titular dunha sociedade nun paraíso fiscal. Teño para min que Pablo Casado e o seu partido estarían máis cómodos criticando a aparición de Guardiola neses papeis de Pandora, pero desta volta cómpre que dean un paso adiante para se afastar da sombra de alguén que leva anos gabándose de ser liberal e dando leccións de como selo. Está claro que se a doutrina laica que profesa con tanta paixón o escritor peruano coincide coa do líder do Partido Popular, ese liberalismo do que están a falar non é precisamente o da democracia e o da igualdade de oportunidades.