Novembro está cheo de cicatrices

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Oscar Vázquez

19 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xestos que marcan a infancia. Para min, pensar nesa época é regresar a Lires, á casa da aldea, ao abeiro da madriña. É escoitar a risa do avó, coma un axóuxere gastado, as mans cheas de engurras. Dos olores lembro o da empanada de mañá, o das ceas do verán, o descafeinado de mamá no almorzo. O tacto lévame á escuma de afeitar que papá me deixaba na punta do nariz. A presenza constante da miña irmá, co seu pelo louro, o seu sorriso cheo de luz.

Mais hai fendas, abismos, sombras. A mamá non lle gustan os 10 de decembro. A min, novembro, porque, cando tiña sete anos, nese mes vin na televisión unha nena agonizante: Omayra. O volcán Nevado del Ruiz derrubou a súa casa e deixouna atrapada, coa auga ata o pescozo. Seguramente trataran de evitar que eu vise aquela traxedia, mais a súa mirada cruzouse coa miña e a cada pouco pregaba por oír a nova da súa liberación. Non puido ser e a miña mente infantil non o entendeu. Chorei polas noites. Aqueles ollos incrustáranseme.

A imaxe regresou a min moitas veces. Por liberarme do peso, hai uns anos escribín sobre aquela agonía. Hoxe volvo facelo, porque con ela foise parte da miña infancia. Imos perdendo anacos de inocencia con fitos que nos marcan eternamente. O Prestige, tamén en novembro, petroleounos a alma. Vivimos con rabia, enfado e frustración aqueles días. Fomos limpar as praias con ilusión e regresamos baleiros, un pouco máis orfos, desesperanzados. Novembro está cheo de profundas cicatrices, sensibles aínda co paso dos anos.