«Facilismo» na escola

Celso Currás EX CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN DE LA XUNTA

OPINIÓN

María Pedreda

20 nov 2021 . Actualizado a las 22:59 h.

A principal característica das políticas educativas dos gobernos socialistas vén sendo o constante aumento das facilidades ao alumno para aprobar, pasar de curso ou titular. A última arroutada é a eliminación dos exames extraordinarios da ESO ou do límite de materias suspensas para a promoción. Estamos de acordo en que a avaliación nesta etapa debe ser continua, formativa e integrada no proceso da aprendizaxe, porque permite valorar competencias, actitudes ou factores persoais do alumno, cousa que non se consegue cun exame, máis centrado nos aspectos conceptuais. Pero este tamén é un valioso instrumento didáctico, necesario e complementario da avaliación continua. A preparación dun exame é un proceso moi formativo para o estudante, pois require autonomía, responsabilidade e esforzo. Cando se trata de recuperar materias suspensas facilita ademais a consolidación dos coñecementos que, por vagancia ou por outras razóns, non quedaron ben aprendidos.

Suprimir estas probas e permitir o paso de curso con varias materias suspensas vai incrementar por un lado a cultura do facilismo, xa instaurada no sistema educativo, e por outro o desalento do profesorado. Os pais que queren que os fillos aproben por riba de todo, con independencia da formación adquirida, han ter agora a mellor oportunidade para conseguilo. Os rapaces máis vagos pasarán de profesores e de clases, convencidos de que o mellor é non facer nada. E os mestres perderán aínda máis autoridade académica, pois a decisión da promoción ou titulación do alumno vai depender do equipo docente. Xa que logo, esta falta de responsables concretos vai ser moi negativa para os centros, nos que continuará descendendo o nivel formativo, o que propiciará que os alumnos accedan a outras etapas sen unha boa base imprescindible para o éxito académico ou mesmo profesional. Iso si, en pouco tempo o Goberno presumirá da grande baixada da taxa de repetidores e de alumnos que non obteñen o título de graduado en ESO.