Fábula da escritora e o alcalde

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

04 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pobre Almeida non sabe que, cando ninguén lembre o seu sórdido paso polo cemento madrileño, as obras inmorredoiras de Almudena Grandes seguirán sendo lidas por milleiros de persoas que atopan nelas o consolo contra a innegábel estupidez, o totalitarismo e a mediocridade que nos asolagan.

O alcalde de Madrid tampouco sabe que as boas escritoras, igual cás cidades que gobernan, sempre logran que os políticos circunstanciais se fagan diminutos esperpentos diante da grandeza das artes. Ante iso, un simple título, unha chorrada fronte á morte («filla predilecta») soa absurdo, parvo, menor. Pois, figure ou non nun diploma, ela goza xa da máis alta honra das escritoras: o fervor do público. Por sorte, nunca precisou unhas eleccións ou unha boa conspiración nun congreso para levantar o ego. Para calquera escritora abonda un xesto simple e absoluto, premer a tecla do punto que remata un novo libro. E xa está. Difícil estar no nivel das mundaneces dun pleno municipal. E xa que de mundaneces falamos, que lerá Almeida?

Pero non nos centremos nos iluminados circunstanciais, senón nela. Que ten Almudena Grandes para enfadar tanto despois de morta á dereita deste país? Por que ese consenso tan fachorro coma infantil en non recoñecerlle uns méritos que, a nada que un levantase a vista do membrete do seu partido, rebordaban nas rúas? Se vivise, sen dúbida, estaría rindo deste espernexe de nivelón, esta constatación estupenda de que a súa escritura, desde a esquerda desacomplexada e moralmente superior, é quen de destapar os miserábeis e ignorantes.

Almudena, querida, que lección derradeira! Oxalá que as dereitas das nosas cidades nos desprecen mesmo despois de mortas. Será que algo fixemos ben.