Identidade, autonomía e nacionalismo

OPINIÓN

LLANOS

07 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os galegos recoñecéronse como tal viaxando; alá onde fomos chamáronnos por ese nome. Eles tamén a si mesmos. Esa repetida e banal idea de Unamuno —un vasco catedrático de grego sempre á procura da súa identidade—, de que o nacionalismo se cura viaxando, bate en ferro frío cos galegos. Non por moito repetida será atinada. Os nosos paisanos eran recoñecidos fóra do seu país como galegos pola súa lingua e a súa cultura laboral —outra non se lles recoñecía— cando ían en cuadrillas segar ou poñer pedra. Outra cousa era a elite galaica.

Cando os galegos —a maioría homes pero tamén mulleres— se atopaban nas cidades americanas ou nos barcos de todas as nacionalidades recoñecíanse entre eles como tales. Pero, con coñecemento de causa, ninguén esperaba atopar un de Ourense en transatlánticos ou buques de carga que cruzaban o Atlántico, e dificilmente podía buscar un alguén da Costa da Morte facendo a Ponte de Brooklyn, no canal de Panamá ou nas fábricas de Fráncfort si estaban todos mesturados. Aínda que o topónimo galegos estendeuse por Portugal, Léon e Castela dende o medievo, segue sendo o día que non atopan as grandes diferenzas que encerramos.

Hai corenta anos constituíse o Parlamento galego con 4 nacionalistas entre 71 deputados. Toda esa identidade cultural e histórica, laboral e lingüística, tan ben representada nas outras nacións do estado por partidos propios, en Galicia non o foi. Botóuselle a culpa á ausencia de burguesía galega, por aquel mecanicismo ideolóxico que permitía actuar sen pensar a partir de modelos. Cousas daquel tempo de transición e aprendizaxe no que ninguén nacía sabido do que a democracia era, despois dun golpe, unha guerra e catro décadas de ditadura. Os que o sabían non vivían connosco.

Hai corenta e catro anos do 4 de decembro de 1977, cando Galicia se mobilizou pola autonomía cunha intensidade que non se volveu repetir nin co Prestige, e aínda non temos unha explicación de onde estaban os nacionalistas na loita pola autonomía. Pero coñecemos as consecuencias. A explicación debera interesarlle moito aos que hoxe se reclaman do nacionalismo.

En tres anos de combate ideolóxico e sangría social a autonomía pasou de ser punto de encontro social a un referendo sen apenas votantes. Unha vergoña. Nese tempo o PSG levou ao PSOE unha parte dos seus mellores cadros e outros defensores da autonomía foron cara a irrelevancia, como o reconstruído PG, ou resistiron como o POG reconvertido en Esquerda Galega. As eleccións de 1977 demostraran que ningún partido nacionalista era de masas.

O pasado é fonte de experiencia, a historia a forma rigorosa de interpretalo. Neste caso aprender aínda está pendente. A memoria dos protagonistas, construída para defender o que fixeron, sempre nos vai confundir. É cousa das novas xeracións tirar conclusións dos erros. Sobre aquela reclamación de autonomía para Galicia, lembrando a El último de la fila, cómpre preguntar: onde estabas daquela cando tanto te necesitamos? A resposta, no verso seguinte.