Autosolidariedade

OPINIÓN

José Méndez

08 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A presidenta da Comisión Europea confirmou a noticia de que estaría dispoñible a vacina para menores de entre 5 e 11 anos e introduciu o debate europeo sobre a obrigatoriedade de inocularlla a toda a poboación. Se ben esta posibilidade queda en man de cadanseu estado membro, é evidente que haberá que procurar un verdadeiro encaixe legal para que non pase o que xa pasou en moitas comunidades onde a interpretación da lei unhas veces é elástica e outras ríxida de máis.

Cando un mira os datos de España, cun 80% da poboación coa pauta completa e só un 5 % que rexeita as vacinas, é doado pensar que hai certa responsabilidade social. Mais iso non abonda para acadarmos a inmunidade colectiva, polo que haberá que buscar outro tipo de estratexias que se sumen ás que xa se viñan tomando. Do mesmo xeito que está claro o interese das farmacéuticas por faceren caixa, ninguén debería dubidar de que a protección da vacina é para un mesmo e tamén para os demais. É un acto de responsabilidade e, sobre todo, de solidariedade, porque sabemos que a nosa saúde está nos outros. Talvez antes de vacinarmos esa poboación de cativos, sería máis conveniente axustar as leis para establecer a obrigatoriedade non só naquelas persoas que teñan contacto con colectivos vulnerables, senón tamén nos maiores de 12 anos. A medida traerá certa insurrección e algunha denuncia nos tribunais, pero é un risco que o Estado debe asumir porque é un caso de saúde pública. Con todo, nunca alcanzaremos esa inmunidade de grupo mentres a obrigatoriedade non sexa unánime en todo o mundo e a vacina non sexa un ben público universal, algo que, por moito que nos doia no peto, teremos que pagar os países ricos coma outro acto de solidariedade cos demais e tamén con nós mesmos.