Gonzalo Caballero, socialista romántico

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

11 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Caballero perdeu as primarias ante Valentín González Formoso, pero non acepta a derrota; acusa o vencedor de ser como o cabalo de Atila e ata amagou con levar unha lista alternativa ao congreso do PSOE galego celebrado esta semana, polo que no partido hai quen o iguala a Trump. Home, por favor, a Trump non! Eu, por rebelde, véxoo como un Lope de Aguirre, o conquistador que nin sequera recoñeceu a autoridade de Felipe II; ou coma o soldado xaponés Hiro Onoda, que non aceptou a derrota do seu país na II Guerra Mundial e tardou 30 anos en renderse; e por bravura recórdame ao outro gran Gonzalo, o Fernández de Córdoba, o gran capitán, garrido, valente, temerario; que facía as contas con ducados e reais como Gonzalo Caballero as fai con votos. Hai algo máis que valoro moitísimo neste apaixonado político galego: o apego á tradición do partido, porque un PSOE sen liortas internas, non sería o PSOE.

As de Pedro Sánchez e Susana Díaz son recentes e non paga a pena recordalas, pero si como se despelexaban un a outro; que tiñan máis afiadas as linguas que Mackie a navalla. No PSOE de Felipe González e Alfonso Guerra, tamén as houbo, e fortes, cando Felipe impuxo a renuncia ao marxismo; e coas políticas de reconversión industrial de Solchaga. Fortísima fora a do Congreso de Toulouse, en 1972, que rematou coa escisión do partido no PSOE histórico, o do exilio; e o PSOE renovado, o do interior. Dous anos antes, fora expulsado Tierno Galván, que creou o Partido Socialista Popular. En 1964, Tierno, foncho como un pavo real, presentárase a Llopis, secretario xeral do PSOE, coa pretensión de substituílo. A resposta do político no exilio non puido ser máis elocuente: «No me joda, profesor». Nunca ben se levaron.

Porén, a escisión máis dramática produciuse ao rematar a Guerra Civil cando os socialistas uniron á dor da derrota e do desterro, a de romper o partido en dous: un que seguiu ao expresidente Juan Negrín; outro ao exministro Indalecio Prieto. Anos despois, cando Prieto tivo o control do PSOE, expulsou a Negrín e outros coñecidos dirixentes. Máis graves aínda foran os enfrontamentos entre Indalecio Prieto e Largo Caballero nos últimos anos da República. Tan dividido estaba o partido, que os largocabaleiristas editaban o xornal Claridad, dirixido por Luis Araquistain; e os prietistas El socialista, que dirixía Julián Zugazagoitia. Un día do 1936, os dous directores atopáronse no concurridísimo parque do Retiro e Araquistain largoulle unha labazada a Zugazagoitia, que lle respondeu cun empuxón. Aquela xenreira respondía a diferenzas políticas insalvábeis entre o sector pro comunista de Largo Caballero e o moderado de Prieto. O 31 de maio de 1936, Prieto e Negrín tiñan que dar un mitin na praza de touros de Écija, pero non o puideron facelo porque un grupo de largocabaleiristas escorrentáronos a croiazos e a tiros. Prieto escribiría a un amigo que os mozos da escolta lle salvaran a vida.

Rodolfo Llopis volveu a Alacant, a súa terra, en 1976; e no discurso da homenaxe que lle fixeron os seguidores, alguén afirmou que «no se puede ser socialista sin tener un cierto toque de romanticismo en el alma». Estou de acordo e, visto o visto, sei que Gonzalo Caballero non é o Trump galego que din algúns lingoreteiros no PSOE. É só un socialista romántico.