Non son un especialista en temas de drogas, pero ás veces podería parecelo porque en casa, cando estamos a ver a tele, aseguro que tal ou cal personaxe meteu algo no corpo. Resulta máis doado detectar estas cousas cando a droga acompaña o alcol. Unha leve axitación nas fosas nasais, un lixeiro tremor nas mans, a dilatación das meniñas, unha euforia xuvenil incontrolada... abonda para espertar as miñas sospeitas, non sempre infalibles. Na casa din que son un esaxerado e que a miña imaxinación me fai ver de máis. Por iso, as novas que estes días veñen de Londres poñen creto na miña intuición de sabuxo. Que aparezan restos de cocaína en once dos doce lavabos do parlamento británico vén confirmar a incidencia desta droga champán nos círculos de poder e nas clases medias e altas que aínda ven nesta droga un símbolo de distinción e exclusividade, unha reputación que nada ten que ver con outro tipo de consumos marxinais como poden ser a heroína ou o crack; drogas sobre as que, curiosamente, Boris Johnson quería lexislar estes días para establecer un plan de rehabilitación das persoas adictas a elas co obxectivo de que deixen de cometer delitos. A inspección da policía nos baños de Westminster ispe o cinismo dunha parte do Parlamento británico que agora seica vai ter que lexislar mentres os cans antidroga osman nos seus maletíns de coiro na procura dun rastro desa droga pija. Se cadra, durante un tempo as súas señorías tomen precaucións e muden a euforia de vertixe dos seus discursos pola fría melancolía da abstinencia. Mais como non lles vai ser doado renunciar a unha droga que, amais de perigosa, é adictiva, nas vindeiras semanas veremos se o plan de rehabilitación non hai que o estender tamén á cocaína e a quen lexisla sobre os seus propios vicios.