Día internacional contra a corrupción

Simón Rego Vilar CONSELLEIRO DO CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA

OPINIÓN

POOL

29 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 31 de outubro de 2003 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Convención contra a Corrupción, que entrou en vigor en 2005, sendo ratificada por España o 16 de setembro dese ano. Para crear conciencia e difundir o papel da citada convención, a asemblea designou o día 9 de decembro como Día Internacional contra a Corrupción.

Quince anos despois da entrada en vigor da citada convención, e nun momento como o actual onde se está a dilucidar o futuro dunha xeración completa de xoves cidadáns europeos, cómpre salientar a importancia do esforzo que se está a realizar na prevención e loita contra o fraude e a corrupción na xestión dos fondos europeos. En xuño de 2021 sumouse á arquitectura institucional da UE, que xa contaba coa Oficina europea de Loita contra o Fraude, a Fiscalía Europea, primeiro órgano da UE con dereito a levar a cabo investigacións penais e a perseguir o fraude e a corrupción que afecten aos intereses financeiros da Unión Europea. O 17 de decembro concluíu o prazo para traspoñer o efecto directo, a directiva europea de protección do alertador ou denunciante (whistleblower), en relación con infraccións do Dereito da Unión. Na xestión dos fondos Next Generation EU estamos a vivir a carreira por contar cos obrigatorios plans de medidas antifraude en 90 días.

Neste sentido é preciso aproveitar esta ventá de oportunidade vinculada á xestión da resposta europea á pandemia, para xeneralizar un modelo de xestión de riscos de fraude e a corrupción que forme parte de todos os procesos das organización públicas, fuxindo do denominado «efecto silo», con independencia da orixe dos fondos, sexan ou non comunitarios. Máis alá de crear novas institucións, trataríase de mellorar, en palabras do profesor Jiménez Sánchez, «a calidade da gobernanza» que nos permita superar aquela tese reaccionaria da futilidade de Albert Hirschmann que concluía coa inmutabilidade das «estruturas profundas» das sociedades, todo intento de cambio resultaría errado, calquera alteración pretendida foi ou será superficial, unha fachada e, polo tanto, ilusoria.

Os marcos de integridade, os códigos éticos ou de conduta, os canais de denuncias internos e externos, os sistemas de alerta temperá ante indicios de fraude, as autoavaliacións de riscos de xestión, o tratamento de riscos, os mecanismos institucionais de resposta, as declaracións de ausencia de conflitos de interese, os mapas de riscos, non poden quedar circunscritos a illas de xestión vinculadas en exclusiva aos fondos europeos. Quince anos despois segue plenamente vixente o mandato da Convención contra a corrupción das Nacións Unidas de formular e aplicar políticas coordinadas e eficaces contra a corrupción que promovan a participación da sociedade e reflictan os principios de imperio da lei, a debida xestión dos asuntos públicos e os bens públicos, a integridade, a transparencia e a obriga de render contas. Coordinadas.