A tolemia dos currículos escolares

Celso Currás
Celso Currás EXCONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

OPINIÓN

Sandra Alonso

03 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que se aproba unha lei educativa estatal, elabóranse neste ámbito unhas ensinanzas mínimas, comúns a tódolos españois. Partindo destas, nunha segunda fase, os gobernos autonómicos deben confeccionar os seus propios currículos ou programas das diferentes materias e etapas do sistema educativo. Desta maneira presérvase a identidade propia de cada rexión, mantendo ao mesmo tempo a cohesión territorial, lexitimada pola Constitución.

As administracións autonómicas levan trinta anos elaborando currículos, cunha absoluta perda de tempo e de recursos. Desde a Loxse, de 1990, ata a vixente Lomloe, do 2020, o proceso ven sendo o mesmo: equipos de docentes especialistas confeccionan uns programas amplísimos que logo son publicados nos correspondentes diarios oficiais, nos que ocupan centos de páxinas e serven de base para a programación didáctica dos profesores. Cando entra en vigor outra lei volta empezar, cun novo gasto de persoal e o consecuente cambio dos libros de texto, que tamén supón un dispendio para as familias.

O últimos currículos teñen uns sete anos de vixencia. Imposible que neste tempo sexa necesario renovalos, pois os coñecementos e competencias aínda non están obsoletos. Fanse ademais cambios irreflexivos, como por exemplo os estándares de aprendizaxe, que nacían coa Lomce (2013) e agora desaparecen coa Lomloe. Non é de estrañar que os docentes teñan a sensación de estar nunha permanente reforma, que nunca remata e que esixe constantes cambios nas programacións en función das arroutadas do goberno que toca e non de criterios pedagóxicos realistas.

Por outra parte, séguense a elaborar currículos demasiado extensos, de carácter enciclopédico e afastados dos verdadeiros obxectivos dunha formación básica. A obsesión por abranguer moito impide centrarse no esencial, para que un alumno non teña problemas en posteriores estudos ou mesmo na vida en xeral. Non se lle dedica o tempo necesario á comprensión lectora; á expresión oral e escrita, correcta e coherente; á capacidade de busca, relación e síntese de información ou ben ao razoamento matemático e científico básico. Os mestres carecen de autonomía e teñen que someterse aos currículos oficiais e a horarios ríxidos o cal, sumado á presión dos pais e dos libros de texto, provoca que o alumno avance con carencias de base moi difíciles de recuperar despois. E para máis inri, as reclamacións a materias suspensas xulgaranse en base a eses currículos e non ao traballo realista dos bos mestres.