En liña

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Martina Miser

14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos Estados Unidos algunhas universidades decidiron comezar o 2022 en liña. A finais de decembro, na Universidade de California avisáronnos de que as primeiras semanas do curso se farían de xeito remoto, e agora xa nos comunicaron que non volveremos ás aulas até, polo menos, febreiro, dependendo de como vaian as cousas. Cada universidade segue os seus propios criterios para decidir que é o que consideran seguro segundo os datos que teñen. Pero o que ten pasado nestes anos, é que no momento no que unha decide que quizais sexa mellor evitar a propagación do coronavirus comezando o curso en liña, hai unha especie de efecto dominó que fai que, pouco a pouco, a meirande parte delas rematen tomando esa mesma decisión.

O caso é que hoxe, nesta clase que estou coimpartindo na UCSB, decidimos integrar unha «pausa de benestar» liderada por un programa da universidade que se dedica precisamente á saúde e ó benestar da comunidade. Foron só quince minutos, no contexto dunha clase de tres horas, pero houbo algo máxico na idea de estar todos xuntos, vía Zoom, tentando desconectar as nosas mentes mentres faciamos exercicios de estiramento e meditación.

E entón pensei en por que non recorrera a esa ferramenta antes. Pois teño un cento de exercicios que me axudan a romper a frialdade das clases en liña e que fan que os meus alumnos sintan a proximidade dos seus colegas. Pero nunca me parara a integrar o movemento nas miñas clases da pandemia, e a verdade é que sentín unha gratitude infinita cara a persoa que veu a lembrarnos que o noso benestar mental depende tamén do tempo que nos dediquemos a nós mesmos, a atoparnos de novo co noso corpo... en definitiva: a escoitarnos.