Max Pettenkoffer en Compostela

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

01 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Acórdanse agora de algún caso de cólera aló polo 1975 e do papel nel da doutora Ramona Vaamonde, unha científica e profesora de Microbioloxía en Santiago. Mais o grande episodio de cólera chegou a Galicia polo porto de Vigo no 1853, coincidindo coa epidemia de cólera en Europa, e a súa orixe na India. Tres tripulantes do buque de guerra Isabel la Católica foron internados no lazareto da illa de San Simón, por mais que de aí se estendeu a toda Galicia. Por temor ás repercusións económicas e comerciais de recoñecer no cólera a causa da epidemia negouse que tal fora, botándolle as culpas das diarreas seica a unhas ostras. Mais o que pasou en Galicia seguiu na España enteira, cunha grande pandemia de cólera, científicos estranxeiros que viñeron a estudar a súa orixe e un grande debate político sanitario. Ese negacionismo deu en milleiros de mortos durante os anos que durou a epidemia.

Houbo tamén naquel tempo comportamentos políticos semellantes aos vividos estes anos de covid. Daquela, aló polo 1855, debatíase sobre os grandes estragos e desgracias económicas para o comercio que o rigor das leis sanitarias ocasionaba. Algo que Díaz Ayuso, de argumentos patrióticos e seica liberais, e tamén Núñez Feijoo, con argumentos máis mornos e xesuíticos, predicían sobre as tantas desgrazas económicas que as medidas do Goberno do Estado traerían. Debate con evidentes paralelismos aos sostidos nas Cortes Españolas en 1855 con motivo da nova lei de sanidade que rebaixaba o período das corentenas en función das influencias dos intereses mercantís, como se pode seguir nun traballo sobre o cólera en Madrid do profesor do CSIC De Urquijo y Goitia.

Ao tempo se mantiñan en Europa, en particular no Reino Unido e Alemaña, debates científicos sobre a causa do cólera, onde a primacía de John Snow establecendo que o cólera se transmitía a través da auga de consumo, como publicou no Lancet, foi corroborada por William Bud, outro dos pioneiros epidemiólogos e hixienistas do século XIX, por mais que foi discutida, no contexto amplo dunha controversia sobre as enfermidades contaxiosas, por Max von Pettenkoffer. Un home de ciencia de recoñecido prestixio, mesmo reitor da Universidade de Múnich, dedicado con prioridade á saúde pública.

Max Pettenkoffer non aceptou a teoría de Snow como única causa, senón que, unha vez que Koch illou o bacilo do cólera, desafiouno inxerindo 1 mililitro de cultivo de vibrión do cólera. Pettenkoffer non morreu daquela, só tivo problemas intestinais e diarreas, e nove anos despois suicidouse.

Pettenkoffer chega á nosa Compostela da man da doutora Ramona Vaamonde e o doutor Benito Regueiro nas clases de Microbioloxía, pero quen o fai presente de forma indeleble para aqueles do 72 é o biólogo mariño e escritor Xabier Paz. Quen na súa ultima obra, A Barcelonesa, que coñecín como O Santiño, lévanos a un mundo de lembranzas porque «só sabemos o que lembramos». Tal que ao Pettenkoffer en Compostela, ou a subida do alto da Xesta indo a San Cosme de Barreiro.