Sabemos que envellecer é aprender a perder. O mundo vaise reducindo e certas habelencias, non só físicas, tamén van a menos. É lei de vida. Agora ben. Asumir esa mingua coma un proceso natural non significa que se deba aceptar que todo se poña na contra das persoas maiores, sobre todo, cando vén da man dun progreso creado, en principio, para facilitar as cousas. A tecnoloxía leva moitos anos meténdose nas nosas vidas e hoxe facemos cousas impensables que deixarían en ridículo a ciencia ficción que, non hai tantos anos, prognosticaban algúns atrevidos agoireiros. Os actuais xa falan de que en poucas décadas a metade do traballo do mundo o farán máquinas artificiais que mesmo serán quen de detectar e reparar tumores cunha cirurxía robótica milimétrica. Mira que ben! Non me asustan estes avances se garanten a igualdade e a ética. Hai tempo que vemos como o propio ser humano convive con máquinas que comezan dándolle apoio no traballo e acaban por substituílo. A pandemia acelerou este proceso nalgúns sectores coma o da medicina ou o bancario, que tanto afecta o mundo da terceira idade. E hoxe, estamos validando como algo natural que a miña nai, que non ten nin ten por que ter ordenador, teña que pedir cita médica por internet para que sexa atendida por teléfono, ou que se lle restrinxa o horario no banco e teña que facer cola para sacar máis cartos dos necesarios porque non sabe nin quere usar os caixeiros automáticos que, por sorte, aínda quedan na vila. Por iso, alégrome desa morea de sinaturas que chegan ao Ministerio de Economía e ao Banco de España coma un berro múltiple que reclama a dignidade para unha xeración que confía máis nas persoas ca nas máquinas, por moi precisas que estas sexan.