Arramplar coa mexilla, inxente desfeita ecolóxica

OPINIÓN

Por se alguén non o sabe, voulles explicar que é a mexilla. O mexillón, coñecido cientificamente como Mytilus galloprovincialis, é un dos moluscos bivalvos máis abondoso nas costas rochosas de Galicia. Reprodúcese con larvas planctónicas que despois dun tempo no plancto, adhírense ás rochas e outros substratos duros (cabos de fondeo, cascos de embarcacións, pantaláns, etcétera), mediante uns fíos elásticos, chamados biso, transformándose trala fixación nun mexillón xuvenil coñecido como mexilla; adhírense en moi diferentes lugares da costa, dende o intermareal medio ata 6 metros de profundidade, sempre que teñan un substrato duro onde fixarse.
En Galicia, tanto na costa aberta como no interior das rías, existe unha franxa no intermareal medio, onde abondan os mexillóns, arneiros, esponxas, varias especies de algas e outros invertebrados que forman unha comunidade moi característica, aparecendo tamén nela percebes, nas zonas máis batidas.
Nesta comunidade, os mexillóns forman masas moi mestas, baixo das que aséntase unha ampla variedade de pequenos invertebrados: crustáceos, poliquetos, gasterópodos, equinodermos, etcétera. Pois ben, nesta zona do intermareal é onde se recolle a mexilla, para logo seren encordada nas bateas. En Galicia existen 3.337 bateas que se subministran da mexilla recollida en moitas zonas da nosa costa e se botan contas, decataranse da grande extensión da superficie necesaria para a recolleita de tanta mexilla.
É posible que para moitos de vostedes a extracción da mexilla non é unha agresión ecolóxica, pero deberían saber que a recolleita non e manual, unha a unha, nin tan sequera por piñas coma o percebe, senón que se rapa toda a superficie da pedra, incluídos coa mexilla os arneiros, esponxas e toda a fauna e flora asociada neste ecosistema. Pódolles dicir, que polo meu traballo de zoólogo mariño, coincidín en moitas ocasións con estas sacas de mexilla, comprobando in situ e en directo como quedaban totalmente rapadas as rochas. Hai uns anos nun traballo que faciamos no intermareal de Caldebarcos, fomos testemuñas de como catro mariscadoras sacaron nunha mañá, oitos sacos que encheron por completo dous remolques de coche; como íamos tódolos meses, comprobamos que a recolonización desas rochas foi moi, moi lenta.
Ademais, a recolleita da mexilla das rochas, ten outro efecto negativo nas comunidades das zonas de extracción. Se á mexilla ao extraela non a deixan chegar a mexillón, ao non haber adultos non haberá reprodución e consecuentemente haberá menor fixación de larvas, porque serán moi escasas no plancto. Existe a alternativa de recoller mexilla mediante colectores, pero isto esixe determinadas infraestruturas que custan cartos, a diferenza da mexilla das rochas que é gratis, agás o salario de quen a recolle.
Á vista da gran magnitude deste desastre ecolóxico que provoca a extracción da mexilla, dáme a impresión que para moita da cidadanía litoral, nas nosas costas rochosas só viven dous animais adheridos ao substrato: o mexillón e o percebe, pois o resto da fauna e flora que os acompañan: esponxas, cnidarios, poliquetos, gasterópodos, cirrípedes, algas, etcétera, non se comen, polo que non serven para nada e podemos destruír as súas poboacións sen a máis mínima reflexión e sen pensar nas consecuencias dun feito tan destrutivo.