O mal uso da tecnoloxía polos rapaces

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

17 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A constante mellora das competencias dixitais dos rapaces facilítalles cada día maiores oportunidades para a comunicación, información, formación ou mesmo ocio. As tecnoloxías que as fan posibles están a cambiar de xeito drástico o modelo de relacións persoais e, no marco do sistema educativo, a concepción clásica do ensino e da aprendizaxe. Son moitas as vantaxes sempre que se saiban utilizar de maneira racional, pero tamén moi grandes os riscos se non se fai así. Resultan en extremo preocupantes os resultados do recente informe da Unicef sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia ou novas como a dun rapaz que mata aos seus pais e irmán porque foi privado da wifi e da videoconsola.

Unha alta porcentaxe de adolescentes están a utilizar cada vez peor internet ou as redes sociais, téndose incrementado os casos de ciberacoso, de adicción aos videoxogos, de apostas online ou de acceso a webs non recomendadas. Ademais, lévanse os aparellos para o dormitorio e navégase en horas de necesario descanso. As consecuencias non só afectan ao rendemento académico senón tamén á socialización e á saúde mental dos mozos. Pérdese moito tempo, necesario para o estudo ou para relacionarse cos demais, para xogar ao aire libre ou para facer deporte.

A familia estase a converter, como dixo Riesman, nunha multitude solitaria, na que cada un está co seu aparello, alleo aos demais, ata o punto de ter maior interese polo ámbito virtual que polo real. Non hai tempo para escoitar aos fillos, para interesarse polos seus problemas e menos aínda para educalos. Ao non haber un modelo de vida na familia, cópiase o que está máis a man na rede e así nos vai. Cada día é maior a violencia, a falta de respecto por todo e absoluta carencia de valores esenciais.

Por suposto que as administracións teñen un papel moi importante neste asunto e deben protexer máis o acceso ás redes ou á publicidade. Pero a verdadeira responsabilidade é dos pais, que con criterios moi claros teñen que superar a forte presión social e seren capaces de axudar aos fillos, dando exemplo e establecendo límites. Non se pode permitir o uso das novas tecnoloxías cando lles pete ou o acceso libre ás redes. Para conseguilo hai que iniciar a educación desde moi cedo e estar moi preto dos fillos sempre que sexa posible. Non hai nada que dea peores resultados formativos que intentar corrixir a falta de educación tarde ou deixar que os fillos anden por libre.