Carnaval 2022

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

kai forsterling | Efe

24 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O12 de febreiro contemplei a gala dos premios Goya. Paco Mariló e o primo Gerardo nos sofás contiguos. Eran as once da noite cando percibín que os visitaba Morfeo. Belos dormentes. Eles, cando viron as indumentarias dalgúns dos participantes no evento decidiron soñar. Co carnaval, probablemente. Polo tanto, quedei só escoitando os estrondosos berros que o mundo da cultura («el mundo de la Cultura») profería contra a guerra en Ucraína. Igual que naquel 1 de febreiro de 2003. Non nos moverán. Gritaron contra aquel Goberno conservador que estaba disposto a entrar na guerra de Iraq. O sábado 12 de febreiro, tamén. Os cineastas máis reputados, actores, actrices, compañeiros e compañeiras, todos e todas entoando «No a la guerra». Non faltaron as reivindicacións solidarias, os acenos cómplices, a unión do cine español contra a decisión do Goberno socialista de enviar tropas aos arredores de Ucraína. De momento, só uns oitocentos militares, catro cazas Eurofighter, tres buques de guerra e o que non nos contarán. Por iso, xustamente, aquel sábado a cultura púxose coma sempre a carón do pacifismo. Foi entenrecedor escoitar a un director manchego cantando Imagine. Nin John Lennon emocionaría tanto aos presentes. Foi inesquecible o cartel co que subiron ao escenario actores gañadores non só en España, senón en Hollywood e no mundo. Todos co grito unánime. Todos levantando os corazóns contra a guerra. Unha vez máis. Calando as bocas dos que pensaban que o mundo da cultura («el mundo de la Cultura») ten dúas varas de medir. Mentira! Non berres, neno, díxome o primo Gerardo. Déixanos durmir, pesado, musitou o Mariló. Só queda seguir soñando. En Verín, comeza o carnaval.