Acto de fe e corrupción no PP

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Comunidad de Madrid

08 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para entender o que pasou no PP propoño unha constatación e dúas preguntas. A constatación, Casado e Ayuso exhibiron á vista de todos o que son: dous políticos de escaso mérito, pouca solidez, carentes de experiencia e formación política, nin da outra, á xulgar polos seus títulos e ocupacións previas. Presuntos títulos. Pero foi o PP quen escolleu o seu presidente e este á súa vella amiga. Tiñan onde elixir e escolléronos a eles. Este problema que ten o PP creouno el mesmo intentando unha renovación para fuxir da corrupción.

A pregunta é obrigada. A corrupción e as acusacións de corrupción —dúas cousas distintas, pero enlazadas— son un problema do PP de Madrid ou do PP? Tendo en conta a longa lista de cargos populares que acabaron nos xulgados e no cárcere involucrados en todas as tramas de corrupción e espionaxe con epicentro en Madrid, parece que como noutras cousas a capital do Estado pesa moito, sobre todo para o PP. Un sumidoiro capaz de acumular poboación, recursos e poder, a risco de baleirar o que o rodea, deixar a poula territorios enteiros e contender con quen lle dispute ese poder é escenario propicio para as tramas corruptas que seguimos en directo dende o tamayazo. Vinte anos de escándalos sen solución.

A segunda pregunta é se en todos os partidos pasa o mesmo. Mal que pese e sen partidismo hai que dicir que non. Os números non poden agocharse. En todos os partidos pode pasar e pasa, pero non podemos atopar un partido envolto en tantos escándalos e con tantos dos seus dirixentes imputados ou en prisión como no PP. En todos os países con sistemas políticos parlamentarios pode acontecer e acontece; a solución non é eliminar os partidos, pese ás tentacións dalgúns, senón cortar a corrupción. Hai pouco lin nas redes a carta dun investigador en bioquímica lamentando o salario de 4.000 euros do deputado que non soubo votar, fronte aos 2.200 que el cobra por facer a tese. Veume á cabeza Franco, eliminou os deputados e os seus salarios, de paso mandou ao exilio aos bioquímicos, empezando por Severo Ochoa.

O irmán da presidenta madrileña cobrou máis que o deputado e o bioquímico por unha xestión co Goberno de súa irmá. Sabémolo por boca dela. Casado acusouna de favor sen apoiarse en probas porque nin el nin ninguén puido coñecer toda a documentación duns contratos públicos. Por que a agochan? Veremos se á Fiscalía. Nun movemento táctico Feijoo deu por boas as explicacións de Ayuso para pór na picota a Casado. Puido buscar mellor opción. En democracia, en relación cos asuntos públicos, o que di ou fai en privado un político ou un funcionario é o mesmo que di e pode facer en público. O demais é literatura. Os actos da Administración son documentalmente públicos. O irmán non debe contratar con Ayuso, como dixo Casado.

Un desexo: en democracia os votantes de dereitas necesitan partidos. Agardemos que salven o mellor do PP para que a democracia teña futuro.