Pegadas menos visibles

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Isaac Esquivel | Efe

12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ademais das desgrazas inmediatas que provoca a guerra —mortes, exilios, perdas de seres queridos, do fogar, do traballo…—; ademais das desgrazas inmediatas que provocou a pandemia do covid-19, empezan a facerse visibles consecuencias que van marcar a vida dos sobreviventes.

Uns inmigrantes que chegaron a Valencia viviron con terror os estalidos de tracas e petardos, a pesar de estar advertidos de que se trataba dunha festa. Probablemente non se lles pase nunca ese sobresalto fronte a ruídos semellantes. Un amigo meu, que viviu na súa infancia a Guerra Civil en Madrid, desenvolveu unha fobia non só a petardos e foguetes, senón a pequenos estalidos de globos ou de bolsas de papel, que lle provocaban reaccións de malhumor e ata de agresividade contra os que os producían; sinais dun desequilibro psíquico que proviña do medo pasado na súa nenez. Os mozos actuais, de entre dezaseis e vinte anos, están a desenvolver depresións provocadas polos sucesos ocorridos na última década. Chámaselles a «xeración de cristal» pola súa falta de resistencia, pola súa fraxilidade fronte aos sucesos adversos. Algúns psicólogos atribúeno a un exceso de información negativa a través dos medios: xa sexa o covid, o volcán da Palma ou a guerra actual. Outros, á falta de expectativas favorables de futuro; só ven un panorama negro. Nunha entrevista, un dos mozos dixo que eran unha «xeración gafe». Non son eles os culpables, debería dicir que un destino gafe estragoulles a festa da súa mocidade. Oxalá non lles estrague o resto das súas vidas!