Un sentimental

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

J.J. Guillen

21 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Alega ser un sentimental, coma se valese por salvoconduto. 

A Manuel Murillo, un experto tirador dun club de tiro olímpico, non lle gusta a política que temos. El prefería as cousas coma hai décadas, sen liberdade nin opinión propia, nin dereitos. E como é un sentimental, xa está acreditado para intentar organizar un atentado contra o presidente do Goberno. Porque se el non marcha, hai que obrigalo.

O problema comezou coa exhumación dos restos do ditador Franco. Estaba disposto a sentar sobre a súa tumba e disparar a quen se lle achegase para tocar o cadaleito. Non tiña medo a comezar unha guerra.

Entón declarou, en numerosas ocasións, as súas ganas de matar ao presidente. Se as leis non facían algo, xa se encargaba el. Tratábase de derrocar este Goberno e impor o que el entendía axeitado. Un alzamento nacional. Sóalles de algo? Parecía que sabía moi ben do que falaba. E víaselle, ademais, moi valente para botar a lingua a pacer en certos círculos nos que pedía axuda para levar o seu plan a bo termo.

Ata os que el consideraba aliados comezaron a temerlle. Puxeron en coñecemento das altas instancias a súa actitude e agora está sendo xulgado.

Tranquilos... foi todo unha broma. Non é un asasino. Tan só un sentimental. Estaba moi preocupado, temía que a España lle fose mal... Vaia escusa!

Preocupados vivimos moitos, si. Pero non ameazamos por aí con ir matando á xente, nin temos armas no coche nin gardamos na casa un arsenal delas. O sentimentalismo e o medo son outra cousa.