Querido subscritor

pedro puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

SERGIO PEREZ

No 2014, tras as marchas contrarias ao Goberno prorruso en Ucraína, os manifestantes que participaran nelas recibiron nos seus teléfonos móbiles a seguinte mensaxe: «Estimado subscritor: vostede ten sido rexistrado coma un dos participantes nuns disturbios a gran escala». 

Cando da natureza dos conflitos bélicos toca falar, Clausewitz é a referencia obrigada. Aplicando o método hegeliano, á tese de que a guerra é dobregar a vontade do teu inimigo pola forza, Clausewitz contrapuxo a antítese de que a guerra é a continuación da política por outros medios. Nunca chegou a rematar por completo o seu tratado, demostrando o difícil que é, mesmo para un brillante xeneral prusiano, definir a guerra; mais hoxe hai certo consenso en que a súa síntese é que a guerra ten tres dimensións (a fascinante trinidade): a forza bruta ou militar; as emocións e o oportunismo; e a racionalidade instrumental. As imaxes da destrución que acompaña ao avance das tropas rusas na Ucraína, e a de tantos ucraínos que empuñan as armas en sinal de resistencia, dan boa conta da primeira das dimensións. O baño de masas do Putin con colo de cisne no estadio olímpico de Moscú vencellando a agresión ao suposto xenocidio nazi dos rusos por parte do Goberno ucraíno; e as dos mortos e feridos civís, xunto coas dos refuxiados que foxen do horror, evidencian a segunda. E o custe da enerxía constata a presenza da última das dimensións, a relacionada coa racionalidade instrumental.

Porque a invasión de Ucraína provocou a redución, cando non o peche, dos fluxos de materias primas básicas (aceites, cereais, minerais…) para algunhas das nosas industrias, pero, sobre todo, do input esencial do sistema produtivo: a enerxía. Putin soubo aproveitar a crecente dependencia enerxética dunha Europa en proceso de descarbonización, e particularmente de Alemaña, como parte da súa estratexia de recuperación de poder global e inhibición da Europa occidental.

Toda Europa reaccionou diante da guerra, nos tres ámbitos. Axudando militarmente a Ucraína, ao tempo que reforzando a defensa das fronteiras. No ámbito emocional, abrindo as portas para recibir a millóns de refuxiados. E no ámbito económico, reducindo os prezos da enerxía. Francia, sen ir máis lonxe, con descontos no prezo dos carburantes, ou conxelando as tarifas do gas; ou Portugal, reforzando o réxime de beneficios para os transportistas. España é unha excepción. Tardamos en reaccionar na resposta de apoio militar, corrixida en 24 horas. A actuación da cidadanía e das oenegués foi por diante do Goberno na reposta humanitaria e emocional. Pero no ámbito económico, o Goberno segue sen reaccionar: nin acaba de decidirse por adoptar medidas de apoio aos sectores que están a padecer o custo da enerxía e a caída de subministres (como ven de facer a Xunta no seu último Consello); nin se mostra sensible diante da desesperada e previsible reacción de tantos pequenos empresarios do transporte, por moi contraproducentes que as súas mobilizacións poidan resultar para o conxunto da sociedade.

Non sobra lembrar a mensaxe orwelliana dos gobernantes prorrusos ao inicio do conflito en Ucraína. Pero moi especialmente por quen, como presidente do Goberno, debería actuar, por ser o primeiro subscritor das mensaxes que lle chegan das rúas e estradas españolas, inmersos como estamos todos, queirámolo ou non, nos «disturbios a gran escala» nos que Putin, conscientemente, nos acaba de situar.