Informe dramático de Sondaxe

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

En abril de 1976 celebrábase na Delegación de Sindicatos de Ferrol unha reunión de mandos intermedios de Bazán, prexudicados polo convenio colectivo. Tomou a palabra un enlace sindical que coñecía o problema e tiña unha posible solución; pero cando empezou a falar en galego, vinte ou trinta voces interrompérono berrando: «¡En castellano!». Despois dun par de intentos afogados por voces iradas, o sindicalista abandonou o local, mentres alguén pedía para el un voto de censura por «pretender tomarnos de broma hablando en gallego».

Dende que Julio Camba escribira que o galego só servía para facer versos e falar ás galiñas e aos aldeáns, eu non coñecera un desatino semellante; polo que publiquei un artigo titulado Ornear en castelán, con duras críticas aos que berraran e aos que o consentiran; e recordando que se o idioma galego estaba na universidade era porque o pobo humilde soubera gardalo durante séculos; malia as burlas e o desprezo recibidos. Mesmo por iso —engadía—, cantos pertencemos á clase traballadora debémolo falar e facelo con orgullo.

Días despois chegoume a través do xornal a resposta dun encargado —non identificado— que me comparaba co escritor ruso Solzhenitsyn porque, sen pretendelo, el fabricaba comunistas e eu antigaleguistas. Tanto era así, que tiña pensado asistir ao curso de galego que eu impartía no grupo de empresa, e xa non iría. Ademais acusábame de soberbio e de usar a cultura para empoleirarme nunha torre de marfil, e de moitas outras cousas, incluída certa responsabilidade —por ser galeguista— na instalación da celulosa na ría de Pontevedra. Díxome de todo, menos por que impediran falar en galego ao enlace sindical. O parágrafo final era unha cita do noso paisano Pablo Iglesias, a prol do internacionalismo proletario.

Non foi un caso illado. Nunha asemblea de traballadores —operarios todos— impedíuselle falar a outro sindicalista co mesmo berro: —¡En castellano! E publiquei outro artigo cunha cita de Lenin: «Non é marxista, e nin tan sequera demócrata, quen non acepta nin defende a igualdade de dereitos das nacións e dos idiomas». Aquela tarde viñéronme ver á oficina técnica dous dirixentes de Comisións Obreiras para poñermos fin ao enfrontamento na prensa. Mostrei a mellor disposición: só era preciso que quen falase en galego na asemblea fose escoitado co mesmo respecto que se o fixese en castelán. O pacto cumpriuse e os sindicalistas que falaron en galego foron escoitados en silencio. Días despois, Xesús Alonso Montero deu en Ferrol unha conferencia e afirmou que «falar galego para un obreiro é como reclamar un salario xusto». A frase foi recollida nun titular da Voz, e fixo reflexionar a moita xente. Cabo de pouco tempo o idioma máis empregado nas asembleas de Bazán era o galego.

Agora, medio século despois de que Alonso Montero publicara o Informe Dramático anunciando que o galego desaparecería en poucas décadas de non se tomar medidas políticas para levalo ao ensino e aos medios, o Instituto Sondaxe danos outro igualmente dramático: malia a normalización acadada no uso do galego, a mocidade fálao cada vez menos.

As causas poden ser moitas, pero a primeira é que nos expresamos en galego en asembleas, conferencias, medios... pero chegamos á casa e falamos aos fillos en castelán. No fondo —coido eu— temos falta de conciencia galega e de amor ao galego.