«A Rianxeira»: por que o PP gaña aquí?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Raul Caro | Efe

05 abr 2022 . Actualizado a las 17:34 h.

A Feijoo en Sevilla recibírono os afiliados galegos cantando A Rianxeira. Quen queira comprender por que o PP gaña eleccións, domina politicamente Galicia e controla tantos resortes do poder social, debe entender o sentido dese canto. O aparente e o profundo, o carácter popular, pero tamén a memoria agochada do seu significado. A Rianxeira é a primeira que todos lembramos, a cantiga que todos sabemos, capaz de obrar o milagre de falar dunha vila da provincia da Coruña e ser himno dos seareiros do Celta. Fai proba do pouco que significa a provincia en Galicia (agás Ourense).

Non fai falla que saiban no PP que cantan unha cantiga republicana composta —sobre unha peza popular— para recibir en Bos Aires a Castelao como ministro do Goberno no exilio á súa volta de París. Será importante que o resto do PP coñeza esta historia. Non sei como interpretan a esquerda e o nacionalismo —se coñecen esa orixe cívica e política— que fora esa a cantiga elixida fóra de Galicia para celebrar un triunfo do PP galego. Cos Catro vellos mariñeiros foi a máis popularizada, no franquismo e ata hoxe, cántase nas vodas, en Balaídos, nas festas e no PP.

O significado disto: o PP aquí é popular e galego, así o ven e así o votan. Fronte ao elitismo dalgunha esquerda, a exquisitez dalgún nacionalismo e o centralismo dun PSOE que de cote prefire verse como un partido municipalista e sempre como defensor do seu Goberno en Madrid. Unha parte da esquerda e o nacionalismo pode chegar a ser tan repugnante como para acabar crendo as trapalleiras acusacións da dereita cando gobernan os seus —tripartito e bipartito—. O sucursalismo dos socialistas chegou a ser tan soberbio como para custarlle a Ferrol non ser Cádiz nin Cartaxena e a Galicia ter as autovías máis tardías e o peor camiño de ferro de España, coa inestimable colaboración de ministros galegos. O PP controla moitos resortes sociais e culturais, intelectuais e universitarios, porque ten o poder e sabe usalo ata lograr que se fagan as cousas como ao Goberno do PP lle gustaría. Iso é construír hexemonía e o resto é teoría. Reparamos nos seus actos e nos seus contactos, quen fai os papeis e quen fala por eles, sabendo ou sen saber. Construíron unha hexemonía social e cultural e son centro aparente do «sentido común» galego. Aínda que a sanidade estea afundíndose, Ferrol siga morrendo e o galego non se aprenda nin na escola.

Os do PP fusionaron boina e birrete. Son da aldea fronte a certo esnobismo cultural vilego e son de masas fronte ao raquitismo militante do BNG e do PSOE. As tarefas para unha alternativa empezan por aí. Mellor oportunidade que esta non houbo en moito tempo. Veremos que fan.

Se a esquerda e o nacionalismo queren derrotar ao PP, xa non a Feijoo, teñen que tomalo en serio. Buscar camiños alternativos e de ampliación da base.