A materia de historia no currículo do bacharelato está a debate. Algo teño que dicir do meu choio. A historia como pasado colectivo ten diferentes tratamentos que non convén confundir, o literario é un dos máis recorrentes e exitosos, pero é ficción mesmo con fundamento; a reliquia e a colección de antigüidades teñen soporte material, a diferenza da memoria social e individual do pasado que todos posuímos porque as sociedades somos historia: nada sabemos de mañá, só de onte.
A historia pode ser o instrumento máis doado para conformar identidades pechadas ou o máis fundamentado para entender o mundo global no que vivimos, a materia máis memorística ou o máis útil para razoar causalidades e comprender procesos económicos e sociais no longo prazo, a máis alecionadora sinalando inimigos eternos ou a máis liberadora explicando as capacidades de transformación das sociedades, rescatando o papel das mulleres ou o do campesiñado devanceiro.
A historia cumpre unha función nas ditaduras e outra nas democracias. Coñecemos as dúas. Dende a LXE de 1970 estudouse unha Historia do Mundo Contemporáneo no curso previo á universidade. A referencia que se facía ao estudo da Xeografía e a Historia de bacharelato naquela lei xa indicaba (artigo 24, c) unha «preferente atención a España e aos pobos hispánicos», nun aprezo da diversidade que algúns herdeiros do franquismo final negan hoxe. Moitos dos que len isto lembrarán os tempos en que era imposible chegar a estudar o século XX español que viña no temario. Era máis seguro falar de fóra e de lonxe. En democracia, até despois da LOXSE de 1990 non se comezou a estudar en COU Historia Contemporánea de España: revolucións liberais, democracias, repúblicas, ditaduras.
Demasiado pasado incómodo para un Goberno Aznar, no que a ministra Aguirre desencadeou unha «guerra das humanidades» que perdeu fronte á historiografía universitaria. En 2004, Pilar del Castillo logrou que para o acceso á universidade se estudase nun só curso unha historia de España dende Atapuerca (sic) ao Aznar daquela segunda transición. Agora que se restitúe a materia orixinal, os mesmos medios reaccionarios e confesionais madrileños que deran a batalla de Aguirre fan aspaventos polo arrinque da materia en 1812, dando pistas sobre o sentido de alecionamento —non de coñecemento— que lle outorgan á historia. A guerra cultural da extrema dereita en dúas liñas.
Ler, escribir, contar foron as materias básicas do currículo escollidas polas Cortes de Cádiz cando estableceron a escola pública para o progreso e fundamento da sociedade de cidadáns libres e responsables. Axiña incorporouse a Historia Universal e a Historia Natural. A Historia de 2º é unha materia de madurez para a selectividade, despois de ter estudado historia por períodos cronolóxicos sucesivos nos catro cursos de Secundaria e aínda en Primaria. A historia de Galicia como parte deses pobos hispánicos é o que pode engadir o Parlamento Galego.