Quen se forra nesta crise?

Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

CÉSAR TOIMIL

15 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que remontarse 40 anos para atoparnos cunha escalada de prezos como a que hoxe soportan familias, clase traballadora e empresas, con consecuencias dramáticas: empobrecemento da maioría social, dificultades para competir e, por tanto, miles de empregos en risco.

O detonante é o obsceno prezo da enerxía para maior gloria dunha presa de multinacionais que se están forrando. Hai ganadores, pero tamén sabemos quen perde: vostede, que vive dun salario que cada vez da para menos; vostede, que pasa horas nun camión pero apenas cubre gastos; vostede, que ten unha explotación gandeira e produce por debaixo de custes; vostede, que é autónoma e intenta resistir.

A invasión rusa de Ucraína agravou a crise, pero a estafa da luz é moi anterior. No 2021 catro empresas obtiveron un beneficio de 11.054 millóns de euros: Endesa, Iberdrola, Naturgy e Repsol. Por pura xustiza social, o BNG pediu subirlle impostos para que contribúan a sufragar a crise de prezos coa que se lucran. Pero PP e PSOE din non, que para iso funcionan as portas xiratorias que cruzan ex altos cargos para recolocarse nos consellos de administración con salarios millonarios. A contraprestación é un marco lexislativo á medida das enerxéticas, no que o custe da luz sae dunha poxa na que prima a enerxía máis cara. Non importa que a maioría veña de fontes baratas, porque pagamos todo ao prezo da enerxía máis cara, que agora é o gas. Chámanlle beneficios caídos de ceo; tamén lle poderíamos chamar timo.

Os beneficios das eléctricas non se tocan, ao contrario, o que realmente fixo o Goberno autoproclamado máis progresista da historia foi baixarllos, en concreto 1.500 millóns de euros nos últimos seis meses, cantidade que perderon as arcas públicas cando se necesita até o último euro para saír do pozo.

Desde o PP a gran aportación é baixar impostos ós que máis teñen, como fixo o presidente-ausente da Xunta nos Orzamentos do 2022, esquecendo que son o que nos permite pagar a sanidade, as escolas infantís, a dependencia das persoas maiores ou as prestacións que dan un respiro nunha situación de desemprego.

E en Galiza, o Goberno do PP veta a tarifa eléctrica galega que defende o BNG para que familias e empresas se beneficien de sermos un país rico en electricidade, porque pagamos os custes ambientais pero sen obter ningún beneficio; por contra, temos un espolio eólico ás portas para seguir engordando os beneficios duns poucos. Estou segura que, máis pronto que tarde, imos ter un Goberno galego que coloque a riqueza do país ó servizo do país, un Goberno que o BNG aspira a liderar sumando, con traballo, rigor e humildade, a cada vez máis galegos e galegas.