A soidade do magnate

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ALEXANDER BECHER | EFE

23 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De todas as hipóteses sobre os motivos de Elon Musk para mercar Twitter enteiro con paxaro e todo, a min chegoume ao corazón iso de que o fai por entreterse: non ten que facer, e ofrece corenta mil millóns de euros.

Se houbese un Forbes das excentricidades, seguramente el ocuparía tamén o primeiro posto, igual que no Forbes normal, como poden comprobar a todas horas os máis de nove millóns de seguidores que lle len tuits cada dez minutos. Todo lle vale a ese Elon aborrecido, xogando cunha Mont Blanc entre os dedos, que xa pensa como atribuír esta nova boutade de millonario ás «típicas cousas do Asperger». Pero, a golpe de talonario e cunha locuacidade desmedida, logrou que en Twitter deixen de poñerlle chíos en corentena. Niso radica a súa última teima de cativo enrabechado: di que a liberdade de expresión é tan sagrada que non lle queda máis remedio que mercar Twitter, que alguén ten que salvarnos dos peches de contas coma a de Donald Trump ou Vox, non vaia ser que un incitador á violencia quede sen voz. Disque a Elon, ademais, lle fai ilusión que, aínda que só sexa pola décima de segundo que dure o vello consello de administración da rede, pechen a conta do dono da compañía.

Todo isto viña a que aquí, a unha que se conformaría cunha pedrea na lotería de Nadal, non lle entrou na cabeza de boas a primeiras a cantidade ofertada por Twitter: serán 4,1 que? Nunca entendín a necesidade da palabra billón, que as matemáticas souberon resolver mil millóns de veces mellor cá linguaxe. Non entra no terreo da indecencia, pois nin sequera hai corenta mil millóns de pobres.

Iso valen os centos de miles de conachadas que escribimos a diario en Twitter para que un tipo con vontade de oligarca sorría un intre no medio da súa, seguramente, tamén desmedida soidade.