Por que o PP non pode pactar con ningún partido?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

03 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pregunta formulouna Elias Bendodo, o novo número tres do PP, de familia sefardí de Tánger. A pregunta ten moito sentido, merece resposta e explicación. A resposta ten que ver con Fraga e o seu empeño en construír o que denominou a maioría natural. Don Manuel sabía o que quería pero agora vese que non sabía moi ben o que facía. A costa de reducir a pluralidade política da dereita española, en 1989 logrou aquel agrupamento de partidos que denominou Partido Popular para disputar o Goberno ao PSOE. O esforzo fraguista foi coherente con el pero non coa historia da dereita democrática, e menos aínda con este presente que el xa non viviu.

Bendodo deulle á pregunta un sentido retórico e vitimista que non pode ter. Cumprido o obxectivo de agrupar toda a dereita nunha única formación, logo non pode quedar ningunha forza para pactar. Así foi dende 1990, pero, como a democracia necesita pluralidade, esta apareceu ao cabo con forzas á dereita e á esquerda dos populares. Con estas novas forzas retornou o impulso fagocitador do ADN do PP, concretado nas exitosas estratexias de deglución de Ciudadanos despregadas no último ano. Vox atragántaselles por varias razóns. Porque en boa parte son cachorros, disidentes ou excrecencias do PP madrileño de Esperanza Aguirre, a aristócrata funcionaria liberal, ou do think tank da FAES (Rafael Bardají). Porén, o problema principal é que o PP non pode pactar cos inimigos de Macron, que son amigos de Le Pen e Putin. Onde Casado non deu feito, Feijoo intentarao, mentres pacta con eles en Castela como pactou en Murcia Casado, como pactará se é necesario para chegar á Moncloa.

O que seguramente non saben ou non parecen saber é que calquera dialéctica con Vox faralle gañar a Vox, Son racistas, machistas, antieuropeístas, antiecoloxistas, inimigos acérrimos das autonomías e doutros preceptos constitucionais. O problema para o PP, que non é nin quere ser nada de todo iso, é que cada cesión negociada con Vox, convencéndose de que pacta cunha forza como outra calquera, afastará aos populares do éxito. Cada cesión racista, machista, antiambientalista dará vantaxe a Vox para comer no seu electorado coa seguinte cesión. Non é un asunto moral, senón político: Vox está disposto a facer o que o PP non pode facer.

Se no PP non entenden isto, que se pregunten por que Macron ou Merkel fixeron cordóns sanitarios: intereses electorais e supervivencia. Son accións inspiradas na historia. Na memoria de como o fascismo deglutiu á dereita democrática liberal ou cristiá dos anos trinta en Italia, Austria, Alemaña ou en Francia co colaboracionismo. Saben alí que a extrema dereita inimiga da democracia sempre está disposta a chegar onde non se atrevería a dereita democrática, saben que ten capacidade de facelo fagocitándolle o electorado. Mellor non fagan a proba, mellor non tenten o demo. A Moncloa ben vale unha misa pero non a alma.