Dende que foi o de Belén Esteban (rotura de tibia e peroné en directo televisivo), ao noso Julito cambioulle o carácter. «Se ela ten dereito a indemnización millonaria, eu tamén». Di que non quedou ben dende o accidente. Xa o contei. Foi antes da fin de ano. Unha caída maliciosa e perna rota. Levárono ao hospital. Operado. Unha desgraza que el non deixa de lembrar. Os da cuadrilla non sabemos que facer. Tan novo, tan atractivo, tan Julio. Cando ve que nós valoramos a súa presenza, saca peito. Antonte díxome que o seu corpo era o dun campión de maratón. A aquelas horas só quedabamos o Ochoa mais eu na súa compañía. Dixo que tiña un papel do hospital certificando que a súa fisionomía respondía ao modelo «corpo atlético». Pedín outro vaso. Por non rir. O Ochoa, non. El comentou que non estaba desencamiñada a afirmación do Julio. Falounos da tipoloxía somática de Kretschmer. O pícnico é orondo, baixo e pleno de graxas. O asténico, magro e alto. E o atlético, aquel que responde ao modelo musculoso e ben formado. Pensei que o doutor Ochoa estaba falando en broma. Pero Ochoa non fala de broma. Se afirma algo, responde á certeza. Pícnico, asténico, atlético. Mirei cara ao Julito. El miroume. Apostou que tiña ese papel oficial que o definía como corpo atlético. Marchei para a casa meditando. Durmín. Oito da mañá. Chamoume o Julio. «Teño o papel», díxome. Quedamos para comer. Era verdade. A súa fisionomía, segundo a ciencia, responde a un corpo atlético. «Iso era antes, pero dende que caín e rompín tibia e peroné mudaron as cousas», díxome. Estes días andamos mirando se hai unha paga que poida resarcir esta rotura. Como Belén Esteban. Non se pode acabar así cun corpo atlético.