
Os avances na chamada «sensórica» (tecnoloxía para a transdución de variables vitais no caso da medicina) levounos ao limiar dunha nova maneira de relación médico-paciente, sobre todo no caso da asistencia primaria a doentes extrahospitalarios.
A extensión de redes de cabo e de radio celular con alta capacidade de transmisión e baixa latencia (tempo de chegada dun sinal ao seu destino) permiten facer o seguimento do paciente en «tempo real». Isto facilita a reacción inmediata do médico que segue o caso, e que pode recibir alarmas sobre as variables a controlar (nivel de azucre en sangue, tensión arterial, ritmo cardíaco...).
A cuestión a xulgar polos intervenientes na telematización dos sistemas de uso masivo está nos límites desta novidade social. Paga a pena telematizar todo? Como evitar a exclusión das persoas incapaces de trataren co centro médico de xeito virtual? Canto custa aos sistemas básicos na sociedade a falta de intervención humana de principio? Concretamente, canto custa recompor a situación cando o paciente non é capaz de axudar o médico vía medios de telecomunicación coma a videoconferencia?
A teleatención médica —predictiva ou reactiva— é un proceso imparable, mais debe incluír mecanismos de excepción determinados polo principal na medicina: a empatía do facultativo.