Galicia: relevo e rumbo

Gonzalo Caballero DEPUTADO DO PSDEG

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

12 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O artigo 10 do Estatuto de Autonomía establece que corresponde ao Parlamento de Galicia elixir de entre os seus membros ao presidente da Xunta. A renuncia do presidente á metade da lexislatura implica, polo tanto, que o Parlamento elixa novo presidente nesta semana. Nun sistema parlamentario, este procedemento non só é legal, senón que outorga lexitimidade ao novo presidente. As institucións do autogoberno galego garanten así a normalidade democrática sen recorrer a novas eleccións. Haberá novo presidente con legalidade e lexitimidade, pero a clave estará no rumbo do país.

Pechan 13 anos de gobernos presididos por Alberto Núñez Feijoo nos que a dereita revalidou tres maiorías absolutas. O PP fai balance salientando a estabilidade gubernamental, así como o crecemento da renda per cápita, a baixa taxa de desemprego comparada e o ciclo exportador da economía galega. Mais outros indicadores resultan máis reveladores: mentres nos 13 anos de Feijoo a poboación ocupada caeu en Galicia en 60.000 traballadores, en España creceu en 1.000.000 de persoas. Esa é a mesma Galicia que perdeu 100.000 habitantes e na que o PIB galego pasou de ser o 5,3 % da economía española ao 4,9 %.

Feijoo deixa unha Galicia máis cativa en termos relativos, con retos evidentes no problema demográfico, o abandono do rural, a crise industrial, a saturación sanitaria, a necesidade de servizos sociais e a sustentabilidade ambiental e enerxética. Xunto ao factor estrutural de salarios e pensións relativamente máis baixas que no Estado, máis de 600.000 galegos viven en risco de pobreza e un de cada dez en pobreza extrema. A axenda para traballar por Galicia está chea de necesidades económicas, sociais e ecolóxicas.

Milleiros de cidadáns aspiramos a un cambio de Goberno e de políticas públicas en Galicia, e para iso cómpre construír e mobilizar maiorías sociais. Durante 13 anos dixemos que a saída de Feijoo sería unha ocasión única para que as forzas progresistas ocupasen un maior espazo electoral e ser maioría. Dado que Feijoo acadou un forte liderado na dereita galega, o relevo da súa figura debería ser a oportunidade de ouro para mudar o mapa político galego. Por iso, se as forzas de esquerda non acertamos agora, a dereita manterá a estrutura de poder e trasladará a súa coalición de apoios sociais e electorais ao seu novo equilibrio cun novo líder á sombra de Feijoo. Porque, no fondo, Feijoo vaise pero seguirá estando.

Contando esta lexislatura, dos 43 anos de autonomía galega, a dereita gobernará Galicia durante 37 e quédanlle dous anos para tentar converter a sucesión de Feijoo nunha nova reprodución de maiorías. A liquidez e velocidade da política actual dificulta maior precisión nas previsións a medio prazo, pero polo cronograma previsto haberá eleccións municipais e xerais antes que as galegas. E, para a dereita, Feijoo protagonizará dun xeito ou outro todas elas.

Se a evidencia empírica reflicte que o eixo esquerda-dereita segue sendo o máis explicativo do comportamento electoral, a construción dunha maioría progresista en Galicia debe facerse, sen complexos, confrontando co modelo conservador e propoñendo un proxecto alternativo de esquerdas, galeguista, ecoloxista e feminista.

O PP acadou maioría absoluta nas eleccións da covid e correspóndelle agora gobernar Galicia, pero a saída de Feijoo é unha encrucillada que as forzas de progreso non podemos desperdiciar. Hai que convencer e ilusionar dende a exemplaridade para que, pasada a pandemia, a cidadanía progresista confíe, se mobilice e decida ir votar. A historia recente así nolo ensina, e a política é tamén facer posible aquilo ao que aspiramos.