A deturpación da toponimia: un síntoma

OPINIÓN

RAMON LEIRO

26 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Des que deixou a presidencia da Xunta para presidir o Partido Popular español, o segundo apelido do señor Núñez Feixoo (españolizado) soa decote nos medios de comunicación. Existe, no uso da lingua —de calquera—, a ortografía, como existe a ortofonía, isto é, a pronuncia correcta. A escrita dese segundo apelido tal e como veño de reflectir facilita e garante a fonética adecuada. O mesmo acontecía co primeiro apelido do señor Raxoi, topónimo de que deriva o antropónimo. Se se denomina Raxoi o magno edificio do Obradoiro e, por metonimia, o Concello de Santiago, ben se ve que a contradición está en quen bifurca Raxoi /«Rajoy», non en quen unificamos a escrita e a pronuncia correcta. Ortofonía: mal se comprendería que pronunciásemos Jordi, John ou Georges co son do español «jamón» ou «gente». Simple cultura básica.

A Lei de Normalización Lingüística (1983) consta dun único artigo realmente prescriptivo, o 10, aquel que estabelece como correcta a forma «galega» dos nosos nomes de lugares. A ben ser, cumpriría falar da forma auténtica, xenuína, barbarizada após anos e anos de sistemática deformación. Si, séculos realmente, pois ela é moi anterior á segunda ditadura do século XX. Esta, o franquismo, proseguiu e acentuou unha erradicación xa iniciada moito antes, que atravesa réximes e formas políticas: o Estado liberal, o Sexenio Democrático, a Primeira República, a Restauración, a ditadura primorriverista, a Segunda República..., mais que coñeceu no século XIX unha extensión desfiguradora eficacísima (escola, Garda Civil, servizo militar, gobernos provinciais e municipais...). Véxase como exemplo ilustrativo o Diccionario geográfico-estadístico-histórico de Madoz (1845): toponimia galega absolutamente arrasada (Sanxenxo ou San Xenxo, por certo, aparece como «Jenjo» (San), mais é un caso entre miles). Non todos os nomes son atacados por igual. Non é que Barreiro, Coello ou Varela sexan menos «galegos» que Sanxiao, Xermade ou Teixeiro: sobreviven porque non «ofenden» a fonética española. Nin o máis acerbo galegófobo propoñería (onte coma hoxe) «El Roblecillo», ou «La Zapatera», ou «La Sardinera», porque xustamente o que se pretende é amosar o híbrido, a marca de propiedade da lingua oficial do Estado sobre a «variedade» galega.

A toponimia-antroponimia devastadas son, pois, síntoma dunha destrución non menor: a eliminación do pobo galego, a través do seu máximo identificador, a lingua galega. Que altas institucións oficiais o practiquen, que a megafonía mediática se compraza na ignorancia dolosa, é inadmisíbel en pleno século XXI.