O Sáhara, José Afonso e a dignidade

Xosé Mª Torres FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

MARISCAL

27 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste mes de maio houbo actos en Galicia que conmemoraron o concerto que o cantautor portugués José Afonso deu en Santiago en maio de 1972, na residencia universitaria do Burgo das Nacións. Non fora un concerto calquera, pois foi o primeiro no que se interpretou Grândola, Vila Morena, que dous anos despois converteríase no sinal de arranque da Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974, e finalmente en himno da mesma.

Traio aquí a Zeca Afonso, cando en realidade quero falar do Sáhara Occidental, como exemplo de dignidade porque el, ata a súa morte en 1987, cando tiña ocasión, clamaba «non esquezades Timor-Leste!», lembrando á pequena ex-colonia portuguesa do Índico, ocupada entón militarmente con puño de ferro por Indonesia. A lembranza e o apoio a Timor Oriental, hoxe xa independizada, tiña profundas razóns afectivas para Zeca, pois naquela distante colonia vivira a súa familia.

Similar exemplo de humanitarismo deu tamén o desaparecido debuxante Antonio Fraguas, o xenial Forges, que un día comezou a pedir nunha esquina das súas viñetas diarias «¡no te olvides de Haití!», clamando polo país do Caribe asolado polo terremoto ocorrido en xaneiro de 2010, e que, tras unha corrente inicial de simpatía mundial e de axuda humanitaria, caeu no esquecemento.

Faría falta que alguén clamase hoxe polo Sáhara Occidental, a ex-colonia española ocupada militarmente por Marrocos desde hai case 50 anos, mentres 150.000 saharauís malviven en campos de refuxiados en Tinduf, no deserto alxeriano. Ata agora, os gobernos españois de PP e PSOE —co apoio maioritario da cidadanía española— defenderon a idea dun referendo de autodeterminación, habitual nos procesos de descolonización da ONU, que mantén no territorio uns cascos azuis, a forza de paz da Minurso (Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental).

Porque ninguén esperaba que un goberno español presidido por un partido como o PSOE fixera o vergoñento (así o din militantes socialistas) xiro de 180 graos, apoiando a absorción por Marrocos desta ex-colonia, e dando así a espalda aos centos de miles de saharauís, moitos deles de nacionalidade española (é emocionante ver, en Tinduf, como algúns maiores aínda conservan e ensínanche o antigo DNI español grande, azulado, de papel...). Unha traizón que non resolverá, por máis que nolo queiran vender así, o problema de Ceuta e Melilla.

Dignidade! Unha palabra que se bota de menos.