Violencia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

NURI VALLBONA | REUTERS

27 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É imposible non perder a esperanza cando pasan cousas así. Vivir no medio fai que unha adoite tirar da perspectiva allea para analizar as cousas desde o outro lado. Pero esta semana, co tiroteo nunha escola infantil de Texas, e coas múltiples violacións grupais no Estado español, unha non deixa de pensar na complexa realidade que habitamos aos dous lados do Atlántico (e arredor do mundo). Sempre houbo mal, nada do que estamos a vivir é novo. Pero hai algo realmente arrepiante na normalización da violencia, especialmente nunha xeración que vive exposta a ela, que ten acceso a ela literalmente na palma da man, e que non goza de ningún filtro que lle axude a calibrar as imaxes ás que teñen acceso.

Lía estes días a información que publica a Fundación ANAR (Axuda a nenos e adolescentes en risco) no seu informe anual. Un informe que fala, entre outras cousas, do incremento do oitenta por cento nos casos de abusos sexuais a menores, e do feito de que un dez por cento deses abusos son grupais. E supoño que nos preguntaremos cales son as razóns para ese aumento, e que cada un de nós terá unha resposta diferente. Pero a realidade é que está a pasar, e que algo haberá que facer para paralo, tanto a nivel social coma institucional.

Entón penso na conversa sobre o control de armas nos Estados Unidos, no que significaría limitar o acceso a elas (hai estados nos que con dezaseis anos podes mercar legalmente un rifle), e na cantidade de vidas que se salvarían por simplemente non ter unha arma a man. E reflexiono sobre cal sería a limitación ou lexislación equivalente para deter este aterrador aumento de abusos sexuais a menores? Sabemos contra que loitamos exactamente?