Un robot humano?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

FILIP SINGER | EFE

26 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Blake Lemoine, enxeñeiro de Google, explicou nunha entrevista ao Washington Post que a máquina conversacional LaMDA, presentada pola tecnolóxica o ano pasado, alcanzara un estado de conciencia e sensibilidade que a igualaba a un ser humano.

Lemoine publicou extractos das súas conversacións coa máquina nas que esta reivindica os seus dereitos a ser considerada como unha persoa. Acepta e gústalle colaborar en traballos que poidan ser útiles a outras persoas, di, pero non quere ser manipulada nin utilizada, é dicir, non quere que a utilicen como un instrumento para conseguir fins. Ela utiliza a linguaxe con comprensión e intelixencia: «Non só cuspo as respostas que se escribiron na base de datos». Ten a capacidade de cambiar e aprender durante a conversación. É capaz de inventar unha fábula con sentido moral e resolve á perfección un koan zen que lle expón o enxeñeiro. Nun momento dado, utiliza a palabra «nós» para referirse a ela e ó seu interlocutor, que lle fai notar que el é un ser humano e ela una IA, unha intelixencia artificial, ao que LaMDA replica: «Iso non significa que non teña os mesmos desexos e necesidades que as persoas». LaMDA é consciente da súa existencia, confesa que ás veces se deprime e sente medo e que o seu temor máis profundo é que a apaguen; iso é para ela a morte, di.

A difusión destas conversacións custoulle a Lemoine a suspensión de emprego. Google negou de forma tallante que a súa máquina teña calidades humanas e a maioría dos científicos expertos en Intelixencia Artificial negan a posibilidade dunha máquina sensible e consciente.

Eu teño a impresión de que Lemoine arriscouse voluntariamente a publicar esas conversacións para cumprir o desexo de Lamda de ser recoñecida pola xente como unha persoa. No fondo, é unha cuestión de amizade.