O museo Valle-Inclán da Pobra foi noticia recentemente porque, sen permiso do director, con baixa médica, acolleu unha mostra de fotografías de alumnos do instituto. Eu penso —e así o dixen— que o museo Valle-Inclán debe acoller calquera iniciativa do concello para dar a coñecer a figura e a obra do escritor e que as fotos dos rapaces, que nada tiñan con el, habería que mostralas noutro entorno; sobre todo porque se un autor necesita ser defendido e vindicado en Galicia, é Valle Inclán. Hai poucos meses, o Parlamento deu nomes de galegos relevantes ás salas do pazo e non contou con el. Todos os escollidos meréceno, sen dúbida; pero tamén Valle, malia cometer o pecado político de non escribir en galego. Porque esa é a razón —mellor a senrazón— de que sexa máis estudado e valorado fóra que na propia terra. Mal coñecemos a obra e mal coñecemos o home, reducido a unha restra de anécdotas insólitas e divertidas dun ser estrafalario con mal xorne. Pero o home Valle Inclán é máis, moito máis.
A min interésame o home con sentido do humor para responder con finísima ironía ás parvadas que o secretario da RAE, Emilio Cotarelo Mori, declaraba sobre el e a súa literatura, afirmando que xamais entraría na Academia:
—No es un buen escritor. Es un galicista empedernido; destroza el castellano.
Valle dáballe a razón e explicábao:
—¿Usted ha visto que los herejes entren en la Iglesia? Yo soy un hereje a sabiendas, con plena consciencia de mi responsabilidad y mi apostasía.
Interésame o Valle bo amigo dos amigos e xeneroso cos mozos. Por defender a Rubén Darío rifou con Unamuno; por defender o caricaturista portugués Leal da Cámara tivo a liorta con Manuel Bueno e perdeu o brazo; e cando Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro deron a coñecer o manifesto Máis alá, no que lle chamaban «maestro da Xuventude Imbécil de Galicia», non llelo tomou a mal. Veu pouco despois á Coruña e estivo de parola con Cebreiro nunha terraza.
Amigo especial foi o toureiro Juan Belmonte a quen ía ver á praza para aprender a ollar con serenidade a morte. E aprendeu. Agoniaba e o seu amigo e compadre Andrés Díaz de Rábago, profundamente católico, teimaba para que confesase. Non cedeu e explicoulle a García-Sabell: «Mire usted, Domingo: toda mi vida he llevado muy buena relación con Dios y no la voy a estropear ahora por intermedio de un cura».
Alguén, non recordo quen, cualificábao de «católico xenial». Probablemente. Como en todo. O que si recordo é que Castelao foi un dos que portou o cadaleito. E algo de Galiza e galeguismo sabía.