Apostar polas renovables, pero respectar a pesca

Torcuato Teixeira Valoria MEMBRO DO OBSERVATORIO DA EÓLICA MARIÑA DE GALICIA

OPINIÓN

Pilar Canicoba

10 jul 2022 . Actualizado a las 04:47 h.

Cando falamos das enerxías eólicas mariñas e o seu futuro na costa galega, na dialéctica entre a pesca e os sectores interesados na implantación desta enerxía nos nosos mares, sempre acontece ó mesmo: primeiro, o sector pesqueiro advirte que non se opón ás enerxías renovables, entre outras cousas porque precisamente a substitución das enerxías fósiles por este tipo de enerxías vai ser unha das ferramentas da loita contra o cambio climático, que tanto prexudica ós nosos mares e os ecosistemas mariños que dan de comer á pesca; e segundo, o sector sempre aclara unha confusión interesada no debate sobre esta cuestión, porque non se trata de discutir se a enerxía eólica mariña é compatible ou non coa actividade pesqueira, é dicir, se nunha localización concreta vanse xestionar dúas actividades de xeito activo, a pesca e a produción de enerxía renovable mariña. Isto, per se, non é posible, onde hai un polígono de enerxía renovable mariña non se pode pescar, a seguridade marítima e o propio xeito no que se realizan as actividades pesqueiras, sobre todo de certas artes como pode ser o arrastre ou a volanta, por exemplo, impedirían á realización de tales actividades.

O debate que propón a pesca nesta dialéctica é: apostemos polas renovables, pero vexamos as singularidades e respectemos as actividades sostibles e esenciais para a soberanía alimentaria e a loita contra o cambio climático como é a pesca, coa súa contribución á produción de alimentos con baixa pegada de CO2, nula pegada hídrica e subministrando á poboación un alimento saudable e nutritivo.

Non falemos, pois, de compatibilidade, valoremos si é factible a coexistencia en espazos diferentes pero sen afectar ós ecosistemas mariños e a unha actividade económica e socialmente tan importante como é a pesca en Galicia.

A Xunta de Galicia, coa creación do Observatorio da Eólica Mariña, con todas as eivas que este poda ter en canto á representatividade doutros colectivos da sociedade civil, é un foro de diálogo axeitado para valorar esa coexistencia; iso si, tamén esperamos dende o sector que sexa Galicia quen abandeire a defensa, ante todo, da pesca galega e dos nosos ecosistemas fronte esas pretensións do Goberno central de aplicar neste país estratexias doutras zonas como o mar do Norte ou o mar Báltico, aquilo que dicía Mark Twain de «se tes un martelo todo parecerá un cravo». Pois iso, señora Ribera, aquí hai algo mais que cravos.