Nos inicios da Guerra Civil, Francisco Fernández del Riego recibía a diario unha chamada telefónica: «Señor Fernández del Riego, ¿sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?». Era o único que repetía a voz anónima. Contoumo moito despois, unha mañá na Fundación Penzol, pero o tempo transcorrido e a hospitalidade do seu despacho non diminuían o arrepiante da lembranza. Eran anos nos que o compromiso intelectual implicaba xogarse a vida. E Del Riego acumulara un historial que supuña serios riscos na guerra e na ditadura: demócrata, galeguista e aberto ao mundo, recoñecido polo seu intenso activismo, destrezas organizadoras, paixón e convencemento. Pero, a diferencia do que lle sucedeu a outros compañeiros de viaxe, o enterrador esperaría o que quedaba de século XX e dez anos máis, que Don Paco aproveitou sen pausa. Aplicouse na reflexión, consolidación e espallamento dun concepto elevado e ambicioso de Galicia dende un prolífico labor institucional —eido fecundo para o seu talento—, así como dende outro dos seus grandes proxectos, a Editorial Galaxia. Foi Del Riego quen teimou e turrou para que Cunqueiro rematase Merlín e familia, devolvéndoo efectivamente á escrita. O amigo foi estímulo e alicerce dese brillante período das nosas letras, pero ademais construíu unha obra de seu, concibida ao servizo do seu ideal e centrada no ensaísmo e no divulgativo, en libro e tamén nas páxinas de xornais coma este. Aquela mañá recibiume cos seus artigos sobre a viaxe con Cunqueiro a Inglaterra en 1966, sobre a que eu quería falar con el. «Don Paco, non me faría achegarme a Vigo para darme unhas fotocopias, verdade?». Entre risos, abriu a billa dos recordos, e así convocou á voz anónima e ao enterrador frustrados, mais tamén a personaxes luminosos, como o enviado da BBC para pór en marcha as emisións en galego, un encontro vixiado pola policía franquista, celosa de que se tratase dun espía. Como promotor do Día das Letras Galegas, é de xustiza que se lle dedique o 17 de maio, pola súa obra e o seu afán, e así poderemos saldar —en parte— a enorme débeda contraída con el.