
En España hai unha prohibición de «conducir utilizando cascos ou auriculares conectados a aparellos receptores ou reprodutores de son» que ten dúas imprecisións: non menciona tipo de vehículo, nin de cascos; e cómpre supor que estes non son os protectores da cabeza senón auriculares dos que cobren a orella. A prohibición é correcta pois calquera tipo de auricular impide a entrada da onda de presión sónica ao oído externo.
Auricular vén de «auricula»en latín, que quere dicir orella; e a orella pode tanto taponarse con auriculares como deixarse libre con sistemas de transmisión ósea, que só se apoian nela como as patiñas das gafas. Ao igual que «cascos» e «auriculares» da xusta prohibición, estes transmisores van conectados a fontes de son, mais non transmiten onda de presión de aire ao tímpano senón onda mecánica á cóclea. Dese xeito o usuario pode recibir no cerebro sons en paralelo por dúas canles. Conducindo nada lle impide atender os sinais xerados no vehículo e na vía de circulación mentres, se cadra, fala polo teléfono. Como sempre, as técnicas van por diante das ordenanzas. Neste caso dáse un paradoxo: os policías sancionadores usan o «pinganillo» que lles tapona un oído externo. Mellor lles sería usaren, para a radiotelefonía, transmisores óseos aos dous lados do cranio.