Roubo de cabos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O desastre ocorrido estes días no sistema de trens de alta velocidade dá para pensar: alá foi todo porque un rapaz roubou 600 metros de cabo de fibras ópticas. Este medio confinado de transmisión universal foise convertendo no principal, deixando atrás os cabos de pares e os coaxiais. Un cabo de fibras ópticas do mesmo diámetro que os tradicionais leva entre decenas e centenas delas, cada unha cunha capacidade de transmisión entre miles e millóns de veces superior á dos seus antecesores: a luz triunfa sobre as correntes eléctricas dos pares e as radiacións contidas nos tubos coaxiais. Os seus impulsos percorren fibras de vidro co tamaño de cabelo humano. Non son metálicas. Non teñen cobre. Para protexelas, no conxunto, poden ir envoltas nunha malla de aceiro (cando non é de kevlar).

Estamos perante un acto de vandalismo, dun atentado ou, simplemente, dun roubo equivocado? Nun mundo en guerra e recomposición de economías, o prezo do cobre dos cabos de telecomunicación segue a medrar e vale a pena furtalos: sempre haberá ferrancheiro que os pague. Mais quen quere a sílice das fibras ópticas? Se cadra, a Adif debería facer un anuncio disuasorio para ladróns. O problema é que os terroristas aprenderon algo novo e haberá que procurar dificultarlles o acceso a liñas vitais da telemática.