Estou lendo na versión castelá o libro In Sickness and in Power (En el poder y en la enfermedad), de David Owen, un psiquiatra e político inglés, que trata das enfermidades dos xefes de Estado e de Goberno nos últimos cen anos. O autor, que pertence á Cámara dos Lores, desempeñou importantes cargos, entre outros o de secretario de Estado para as relacións exteriores, o que lle proporcionou un coñecemento de primeira man tanto no aspecto político como no aspecto médico sobre os personaxes que estuda, unha longa serie que inclúe a Kennedy, Eisenhower, Margaret Thatcher, Tony Blair, Stalin, Khrushchev, Charles de Gaulle, Mao Zedong, Roosevelt, Mitterrand, Hitler, Churchill...
Sorprende que, ademais das doenzas cardíacas ou hepáticas, comúns a calquera ser humano, os líderes políticos sufriron con gran frecuencia depresións e un trastorno da personalidade que o autor designa coa palabra hybris. Segundo Owen, a hybris aparece cando un líder ostenta o poder durante certo tempo, é un trastorno adquirido e caracterízase por unha especie de embriaguez mental na que se prescinde de opinións alleas e se actúa segundo ideas propias preconcibidas, que acaban tendo malas consecuencias para os gobernados.
Os gregos dicían que a hybris —que se podería traducir por prepotencia— provocaba a ira dos deuses, que se vingaba daqueles que pretendían emular o seu poder, e levábano ao fracaso. A hybris coincide en moitos puntos co trastorno de personalidade narcisista. Os líderes que conseguen controlala son os que se esforzan por manter unha modestia persoal mentres están no poder. Isto é algo que debemos ter en conta os cidadáns, agora que se aveciña o tempo de eleccións.