
A autonomía é un dos feitos políticos máis importantes da historia de Galicia. Vai máis alá das institucións, é un compromiso de todos co país para construír un futuro compartido e moderno, baseado no que fomos ou somos por tradición e no que queremos ser, na cultura propia e a europea. Galicia é un todo no que se fusionan cidades e vilas, campos e montañas, ríos e mares. Un territorio inmenso e diverso feito de moléculas unidas pola lingua. Pero depende o sentimento de país das distintas opcións políticas? Existe unha incapacidade para tecer a armazón desa nova galeguidade? Estamos abocados a vivir da nostalxia, de arquetipos e tópicos, enchentes e festas turísticas, máis de cara ao exterior que cara a nós mesmos?
O papel das cidades nesta construción é fundamental, combinando política e ética, economía e razón, onde non caiban localismos baseados en inimigos imaxinarios. Chegou coa brecha que creara no seu día a Lei de sedes e que derivou nunha diplomacia tanxente.
Construír unha forma de ser e sentir o país ten que se fundar na solidariedade entre as cidades, equilibrando as diferenzas por renda ou posición xeográfica, creando enlaces de traballo, de prestación de servizos, de coñecemento e innovación, apoiándose no propio sistema universitario, A Coruña e Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense, Santiago e Lugo, para nutrir redes de emprendemento eficientes vinculadas á investigación e o desenvolvemento.
As cidades teñen que conformar cos municipios limítrofes novas áreas territoriais e dispoñer de competencias e recursos para gobernalas, como acontece na maioría dos municipios de Europa. No día en que se reforme o Estatuto tamén debería estar sobre a mesa o traspaso por parte da Xunta en materias como educación e prestación de servizos. Diso trataba o estatuto de capitalidade do que falabamos hai tres décadas xuntamente con Barcelona, cada unha á súa escala. Nese cadro de relacións a capital ten que xogar un papel aglutinador. É dicir, a capitalidade trabállase, non é unha prerrogativa que se outorga por lei.
Se as cidades galegas falan entre si a cidadanía coñecerase mellor, superando prexuízos, contrastando vivencias e paisaxes, vinculando capacidades, actividade urbana e rural e propiciando as conexións interxeracionais. A xuventude, que se move entre festivais, deportes e convocatorias diversas, está contribuíndo a esa interacción. As cidades galegas necesitan unha xeoestratexia urbana, non vaia ser que o alcalde de Porto, Rui Moreira, nola estea sinalando pro domo súa.